publicidade hoxe

O Sergas inicia a actividade do novo centro de saúde de Panxón o vindeiro luns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaNigrán
A-
A+

O novo centro de saúde de Panxón (Nigrán) iniciará o seu funcionamento o vindeiro día 20 de xuño. Así, unha vez rematada a obra, e tras proceder ao seu equipamento e dotación, o Servizo Galego de Saúde xa está en condicións de poñer a disposición da poboación de Nigrán esta nova infraestrutura sanitaria.

Este novo centro ven substituír ao centro sanitario actual, polo que o traslado vaise realizar na tarde de mañá venres, coa fin de minimizar o impacto na actividade asistencial.

As instalacións, enmarcadas na modernización de infraestruturas da rede de Atención Primaria que recolle a Estratexia Sergas, e cofinanciadas con fondos FEDER, contan cun investimento de 1,8 millóns de euros.

Máis consultas e área específica de nenos

Segundo afirma o xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial “este centro era absolutamente prioritario na nosa planificación sanitaria, xa que o actual presenta claras limitacións espaciais e algunhas deficiencias estruturais. Necesitabamos un centro novo, cunha instalacións modernas, e con espazos axeitados para mellorar a confortabilidade dos usuarios e facilitar a actividade dos profesionais”.

O novo edificio de Atención primaria, cunha superficie construída de 1.375 metros cadrados, dispón dunha maior dotación de consultas das que ten o centro actual, así como dunha área diferenciada de pediatría.

En total, conta con 12 consultas na área de medicina xeral (seis de medicina xeral e seis de enfermaría), fronte ao equipamento do actual, con cinco salas para médicos e outras catro para enfermaría.

En canto á área pediátrica, dispón dunha consulta de pediatría e outra de enfermaría pediátrica, así como dunha sala de espera, con aseo, específica para os nenos e nenas.

Outros dos servizos que se incorporan ao novo centro son una sala de extraccións -no actual non se dispón dela- e una sala polivalente, que permitirá diversas actividades como a atención urxente e a observación de pacientes.

Dispón tamén duna sala de técnicas para cirurxía menor, sala de xuntas, sala de estar do persoal, aseos, recepción, arquivos e almacéns, e todos os servizos necesarios para o correcto funcionamento do centro.

Ademais, conta tamén con ascensor, o que facilita a accesibilidade dos pacientes ao sistema sanitario.

Equipamento actualizado

As novas dependencias están dotadas de todos os medios técnicos e diagnóstico necesarios, que permitirán incrementar a capacidade resolutiva deste nivel asistencial. Neste senso, hai que subliñar que conta cun equipamento de tecnoloxía sanitaria completamente renovado: electrocardiógrado, espirómetro, desfibriladores e oxímetros de pulso.

Isto facilitará que os seus profesionais, ademais de realizar a propia actividade asistencial, poidan realizar actividades preventivas e desenvolver os programas de protección e promoción da saúde (programa do neno san; programa de atención ao paciente crónico; o control do tratamento con anticoagulantes orais, SINTRON; e atención á Muller, entre outros.

Datos asistenciais

O centro de saúde de Panxón dá cobertura a unha poboación de 7.574 usuarios, dos que 924 son nenos menores de 14 anos.

O seu cadro de persoal está formado por cinco médicos xerais, un pediatra, seis profesionais de enfermaría e catro PSX (persoal de servizos xerais).

En canto a actividade asistencial, este equipo multidisciplinar realizou o pasado ano un total de 45.609 consultas médicas (39.439 de adultos e 6.170 de nenos); ademais das 20.600 consultas de enfermaría.

16 de xuño de 2016 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.