O programa “Menores máis Maiores” chega á súa fin tras potenciar as relacións interxeracionais nunha curtametraxe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

Un grupo de nenos e nenas do colexio público Santiago Apóstolo entre os 3 e os 10 anos de idade participaron hoxe na Residencia de Maiores Porta do Camiño no acto de clausura da actividade “Menores máis Maiores”, no que estivo presente a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro.

Esta actividade comezou en pasadas datas como un contacontos, coa vontade de xerar un espazo onde potenciar as relacións interxeracionais e conxugando a sabedoría coas tecnoloxías para crear unha curta de animación. Deste xeito, os nenos e nenas participantes contáronlles un conto ás persoas maiores, e estas relatáronlles algunha experiencia da súa vida. Deste contacontos conxunto xurdiu unha nova trama, na que se idearon as personaxes e escenas para a creación e gravación da curtametraxe a través do proceso de animación e manipulación dos bonecos.

Nesta clausura, os asistentes puideron desfrutar da proxección da obra audiovisual realizada, que leva por título “O avó de Zulaimar” e os participantes na elaboración da mesma recibiron os diplomas acreditativos desta experiencia que xuntou a diferentes xeracións.

“Menores mais Maiores” enmárcase no programa Lecer Activo, da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social, que oferta unha serie de actividades de ocio que axudan aos maiores e ás persoas con discapacidade a pasalo ben e gozar de iniciativas que melloran a calidade de vida destas persoas.

Os programas incluídos en Lecer Activo destinados ás persoas maiores, incorporan accións que axudan a manter un nivel axeitado de benestar persoal e social en termos físicos, emocionais e psicosociais, ao tempo que facilitan a súa participación activa na sociedade na que viven, con independencia de cal sexa o seu modo de residencia. Na oferta de actividades do programa Lecer Activo 2016 teñen un papel activo tanto as persoas residentes en centros de titularidade pública como os propios equipos profesionais, en tanto que son eles e elas os que deciden as actividades nas que teñen interese en participar, e isto é un elemento fundamental cara a que a través deste programa se poidan acadar os obxectivos que o mesmo ten: fomentar o benestar físico, mental e social a través do lecer.

Dentro da programación destaca o gran abano de posibilidades que ofrece ás persoas maiores con actividades deportivas como a andaina no Bosque de Galicia, actividades en contacto coa natureza como Amaromar, ou actividades culturais como as representacións teatrais.

Respecto á programación destinada ás persoas con discapacidade, cómpre subliñar actividades deportivas como a vela adaptada, tenis adaptado, de contacto coa natureza como as actividades con cans e cabalos, así como as culturais como os contacontos.

7 de xuño de 2016 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.