O presidente da Xunta resalta que as partes do caso Baltar non pediron citacións
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou “todo o respecto” polas decisións da xuíza que instrúe o caso no que está sendo investigado o presidente do PP de Ourense e da Deputación, Manuel Baltar, aínda que – resaltou- “as partes non pedisen” as citacións e o fiscal teña “outro criterio”.
“Sempre que haxa este tipo de pregunta van obter a mesma resposta”, subliñou Feijóo, despois de transcender que o exbarón popular José Luis Baltar foi citado a declarar en calidade de investigado por suposto suborno e tráfico de influencias no marco desta causa activada a raíz da denuncia dunha muller que acusa a Manuel Baltar de ofrecerlle un emprego a cambio de sexo.
A xuíza citou como investigados tanto a Manuel Baltar como á denunciante, pero tamén, por exemplo, ao xefe de Persoal da Deputación e, esta mesma semana, a José Luis Baltar. Nesta conxuntura, aínda que resaltou que as partes non pediron as citacións e que o fiscal arquivou inicialmente a denuncia, Feijóo remarcou que a maxistrada ten “todo o dereito” a conducir a investigación como estime oportuno.
“Se a xuíza considera que debe chamar a declarar a outra persoa que tivo responsabilidades no PP, ten todo o dereito para decidir e nós respectaremos sempre como se leva a cabo a investigación”, manifestou Feijóo, na rolda de prensa posterior ao consello de la Xunta.
Igualmente, reafirmouse en que os populares permanecerán “atentos” a este “traballo de investigación” activado a raíz da denuncia de Teresa F. C.











