O pleno da Deputación da Coruña pide a supresión da peaxe da AG-55

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe a cuarta e última fase do Plan de Acción Social (PAS), cun investimento de 16,5 millóns de euros que se destinarán ao financiamento de 184 obras en 43 concellos da provincia, e deu luz verde a unha moción apoiada por PSOE, BNG, Marea Atlántica, Alternativa dos Veciños e Compostela aberta en demanda da supresión da peaxe da AG-55.

O pleno comezou cun minuto de silencio polo atentado de onte no aeroporto de Estambul (Turquía), no que faleceron 41 persoas e 239 resultaron feridas.

Entre os puntos aprobados hoxe destaca a última fase do PAS, que foi o primeiro dos plans impulsados polo actual executivo provincial e vai destinado a colaborar cos municipios no financiamento de investimentos financieiramente sostibles que teñan, na súa maior parte, un carácter social relevante.
Coa aprobación desta última fase, o PAS completa investimentos por importe de 33 millóns de euros nos 93 concellos coruñeses, que van supor a realización de 389 obras en toda a provincia.

Reformas en centros sociais e veciñais, melloras en camiños e viais municipais, supresión de barreiras arquitectónicas, construción de parques infantís e biosaludables, ou obras nas redes de saneamento e abastecemento de auga son algunhas das actuacións que os concellos da provincia decidiron financiar a través deste Plan, xa que son os propios concellos os que deciden o destino do investimento provincial, en función da asignación que lles correponde (o criterio de distribución é o que mesmo que se ven usando dende os anos 80 para o POS) e das súas necesidades e prioridades.

Supresión da peaxe da AG-55

Outro dos puntos principais do pleno de hoxe tivo lugar no apartado de mocións.

O pleno aprobou unha moción impulsada polos grupos provinciais do PSdeG-PSOE, BNG, Marea Atlántica, Alternativa dos Veciños e Compostela Aberta pedindo a supresión da peaxe na AG-55, que contou co único voto en contra do Partido Popular.

Non saíu adiante outra moción impulsada polo Partido Popular e apoiada por Alternativa dos Veciños na que pedía a creación dunha mesa interadministrativa coa participación da Deputación e concellos para eliminar a peaxe de Pastoriza.

O portavoz do Partido Popular neste punto foi o tamén alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, que sostivo que a moción suscrita polos restantes grupos políticos representados na Corporación “perxudica” ao concello arteixán e pediu “separar dous temas distintos”, xa que mentres Arteixo demanda que non se realice o novo enlace co porto exterior, que costaría 40 millóns de euros, e se destinen parte deses fondos a rescatar a peaxe, o que custaría uns 22 millóns, dos que o Concello achegaría 12; a supresión total de peaxes en toda a AG-55 suporía máis de 120 millóns de euros.

Pola súa banda, os portavoces de PSOE e BNG, Julio Sacristán e Xosé Regueira, defenderon demandar á Xunta de Galicia a “eliminación total” da peaxe da AG-55, que afecta, ademáis de Arteixo, a moitos outros concellos das comarcas de Bergantiños, Soneira e Costa da Morte.

Sacristán lembrou que dende hai moitos anos se ven loitando pola gratuidade da AG-55, e apuntou que esta non pode vir porque a Deputación ou o Concello de Arteixo asuman o coste. “Na súa moción non fala de que a Deputación aporte cartos ou de que o Concello de Arteixo porá 12 millóns de euros”, afirmou o portavoz socialista que defendeu que a proposta do Goberno provincial “non trata de perxudicar a ninguén, senón de beneficiar a todo o mundo”, xa que o problema non se limita á localidade arteixana.

En similares términos se pronunciou o portavoz do BNG, Xosé Regueira, que lembrou que a AG-55 “fíxose con cartos públicos porque ía ser sen peaxe” e “foi o PP o que instaurou a peaxe e o que ampliou a concesión”, que perxudica a moitos veciños de Bergantiños ou Costa da Morte que se desprazan a diario a traballar á area coruñesa.

29 de xuño de 2016 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.