O Plan Concellos 2016 achega case 80.000 euros a Sanxenxo para ampliar a Casa da Cultura de Adina
A Xunta de Goberno vén de aprobar unha nova achega ao concello de Sanxenxo por valor de 78.980,15 € ao abeiro do Plan Concellos 2016 e, máis en concreto, dentro da liña 1 que o plan dedica a investimentos. Esta cantidade será empregada polo concello do Salnés para a ampliación da Casa da Cultura de Aldina.
Estas axudas súmanse a aquelas xa outorgadas no Plan Concellos. En concreto, 192.565,34 € na liña 1 para reparación da instalación do alumeado público na rúa Progreso e o lugar de Forxán, o subministro de material e maquinaria para os parques e xardíns municipais, o acondicionamento da parcela municipal de equipamento público PEI-3, a subministración de elementos biosaudables para o parque público Xuncabranca, a adquisición dun sistema de control para a presenza de empregados e empregadas, a realización de obras de mellora no alumeado público en Arnosa (Vilalonga), e o subministro de varios materiais e equipamentos: paneis informativos para as praias con bandeiras azuis, un sistema de detección de drogas en condutores e oito chalecos antibalas para a Policía Local. Na liña 2, o Plan Concellos destinou 150.605,31 € á amortización dun préstamo, na liña 3 4.819,15 € destinados a dípticos e unha campaña informativa do valor ecolóxico das praias e a campaña Bandeira Azul 2016 e, por último, Sanxenxo se beneficiou de 250.484,33 € para a contratación de 30 persoas na liña 4 de emprego.