publicidade hoxe

O Pazo de Quintáns, a 20 de meses do Ben de Interese Cultural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSanxenxo
A-
A+
Europa Press

O Boletín Oficial de Estado (BOE) publicou na súa edición deste martes, 14 de xuño, a incoación do expediente para declarar ben de interese cultural, coa categoría de monumento, o Pazo de Quintáns ou Pazo do Casal, na parroquia de Noalla do concello pontevedrés de Sanxenxo.

Agora ábrese un período máximo de 20 meses para que a declaración como BIC se consolide, xa que, en caso de que non se consiga, se producirá a caducidade do expediente no caso de que nos 60 días posteriores o Consello da Xunta non aprobe o correspondente decreto ou se algunha persoa solicita o arquivo.

O Pazo do Casal é un singular pazo que exemplifica a relación dun edificio relevante co seu ámbito, tanto nos aspectos da súa importancia histórica coma na xeneralidade dos seus valores culturais, neste caso, determinantes para configurar a idea propia dunha paisaxe e territorio do Salnés, o salinense, no que aparece xa citado este núcleo dende tempos moi antigos. Así o tesmonia López Ferreiro: “Santo Estevo de Noalla era a verdadeira terra das salinas, que deu nome a aquela dende mediados del século X”.

Tal e como se describe a motivación do expediente incluída no BOE, o Pazo de Quintáns preséntase no seu contexto como o lugar de referencia da antiga xurisdición da Lanzada, terra de vida e comercio dende o século VIII antes de Cristo, como evidencian as escavacións históricas e recentes do depósito costeiro.

Neste pequeno conxunto homoxéneo consérvanse o pazo, a capela, as construcións auxiliares e o hórreo. A iso, súmanse os espazos verdes: patios, praza frontal, xardín e horta murada, todos eles cunha configuración adquirida dende finais do século XVI como posible evolución da torre do Casal de Moldes, e no seu caso, herdeira da súa relevancia histórica.

A calidade formal e construtiva da edificación esténdese aos distintos elementos que a compoñen, non só á edificación residencial principal, e alcanza a súa plenitude e singularidade en espazos tan excepcionais como os miradoiros abertos no recinto murado da horta, o miradoiro na cornixa do xardín barroco ou a galería aberta ao vendaval, construción de boa calidade de distintas tipoloxías de cantería e cachotaría que alcanzan factura singular no tratamento de esquinas e finais.

A súa condición de privilexiada atalaia da paisaxe destaca no patín e na dita galería de 19 vans e 250 vidros, que actúan como malla de composición da perspectiva da baía da Toxa, do Monte Siradella e da Illa de Ons.

Existen valores arquitectónicos e artísticos evidentes na calidade construtiva de cada parte que compón cada unha das súas pezas, ou da balconada que, presidida polo escudo da casa, organiza un ámbito pleno de barroquismo na conformación dun espazo de respecto ante a parte máis antiga do pazo, que se abre á vía pública, no que se singulariza a posición da pequena capela oratorio coroada por un escudo na súa cornixa e aberta cara ao seu arredor, cunha presenza na vida tradicional do núcleo ata o seu abandono, portadora, polo tanto, de valores de carácter etnográfico propios.

VALORES HISTÓRICOS

A descrición que inclúe o BOE tamén fai referencia aos valores históricos asociados a unha das liñaxes de referencia da bisbarra, os Padín, vasalos dos Soutomaior que, no século XV, contaban no lugar con pazo, hortas, casas, unha torre e escuderos, e que, séculos máis tarde, promoven a construción da casa da Pedreira en Pontevedra, actualmente Pazo de Mugartegui e coñecido con estas dúas nomenclaturas.

Así as cousas, e atendendo a esta argumentación, os valores do conxunto do pazo e os seus bens integrantes, así como a súa singular relación co territorio, coa paisaxe circundante e coa comunidade viva na que se localiza, a Xunta considerou que o Pazo de Quintáns “posúe valores culturais artísticos, históricos, arquitectónicos e etnográficos singulares que aconsellan a súa declaración como ben de interese cultural”, proposta que agora ten que seguir os trámites patrimoniais pertinentes.

14 de xuño de 2016 | 11:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.