publicidade hoxe

O novo Plan Forestal de Galicia buscará protexer o medio rural para fortalecer a cadea monte-industria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCercedaLocal Portada
A-
A+
Feijóo na clausura da Convención Internacional do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia. Foto: X. Crespo

Feijóo na clausura da Convención Internacional do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia. Foto: X. Crespo

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, durante a Convención Internacional do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, que o Consello da Xunta aprobará mañá xoves a primeira revisión do Plan Forestal de Galicia (PFG), desde que en 1992 entrou en vigor, e que terá como obxectivo protexer o medio rural para fortalecer a cadea monte-industria e impulsar as segundas transformacións dos produtos forestais.

Conscientes da necesidade de que exista unha ordenación actualizada da política forestal da Comunidade para adaptala ao contexto presente, Feijóo subliñou que o novo plan conterá diversas actuacións, entre as que destacou: o aumento da superficie de árbores frondosas e o fomento da plantación e a rexeneración de especies como o castiñeiro, o carballo e a cerdeira.

Así mesmo, reducirase ou manterase a superficie arborada ocupada por eucalipto de acordo ás necesidades obxectivas da industria e incrementarase a extensión de superficie de monte público.

O novo PFG contemplará ademais outras directrices como: aproveitar a biomasa forestal con fins enerxéticos; integrar a I+D+i para facer un estudo periódico, por exemplo, das pragas; e, no relativo ás áreas afectadas por incendios, potenciar as actuacións de restauración, e a formación das brigadas forestais desde o punto de vista da investigación e as tarefas de prevención.

“Estamos a falar dun novo plan que vele por que o aproveitamento da madeira na Comunidade se realice de forma sustentable e respectuosa co medio ambiente”, insistiu o presidente da Xunta.

Dos ámbitos novidosos: a biomasa e o sector contract

Feijóo salientou tamén que o sector forestal galego conta cunha vertente industrial que está en pleno auxe, a través de dous ámbitos novidosos: a biomasa e o sector contract.

No tocante á biomasa, resaltou que conxuga o respecto ao medio ambiente coa valorización do sector da madeira. E, lembrou que na actualidade dos 2 millóns de hectáreas de masa forestal que posúe Galicia, máis de 600.000 están infrautilizadas.

Para cambiar esta tendencia, o titular da Xunta resaltou que o Goberno galego conta cunha estratexia de desenvolvemento desta industria que busca: introducir a biomasa como sistema de combustible ecolóxico e económico; un aforro económico anual de 70 millóns de euros na compra de combustibles fósiles; a creación de 1.000 postos de traballo vinculados a este sector e un investimento de 450 millóns; e deixar de emitir á atmosfera case 250.000 Tm de CO2.

Por outra banda, no que respecta ao sector contract, Feijóo aseverou que hai unha serie de empresas galegas que son hoxe en día un referente nacional e internacional neste campo, o da carpintería de deseño para interiores. “Sen dúbida, un sector en pleno crecemento e expansión comercial que, como puidemos constatar na última viaxe institucional a Cuba, abre numerosas oportunidades de negocio neste país”, aseverou, facendo fincapé en que o comercio exterior é unha das grandes bazas do sector madeireiro que leva encadeando seis anos de balanza comercial positiva.

O responsable autonómico destacou o futuro prometedor dun sector no que tamén teñen cabida as vantaxes da industria 4.0 e avogou por que as empresas leven a cabo proxectos de robotización dos procesos de serrado ou de carga e descarga, novos sistemas de mecanizado e encolado, ou a implantación de liñas de ensamblaxe e empaque máis avanzadas.

Nesta liña, lembrou que a Xunta vén de adxudicar un proxecto para 13 pemes galegas do sector que van a investir case 3 millóns de euros no ámbito da Industria 4.0, de cara a mellorar a súa competitividade.

Feijóo concluíu afirmando que falar do sector da madeira en Galicia é sinónimo de cohesión territorial, de patrimonio natural, de innovación industrial e de internacionalización. “E facémolo, conscientes de que afrontar un novo impulso a esta industria implica conxugar o respecto ao medio ambiente e o desenvolvemento rural coa busca dunha maior expansión comercial”, dixo.

Na actualidade o sector da madeira representa o 3,5% do PIB da Comunidade; dá emprego a 20.000 persoas de forma directa; e supón o 12,4% do emprego industrial en Galicia. Non en van, Galicia lidera esta industria a nivel nacional (representa o 43% da produción nacional de madeira serrada, o 33% da de taboleiro e o 35% da de pasta de papel); e facturou en 2014 máis de 1.700 millóns neste sector.

8 de xuño de 2016 | 18:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.