O Grupo de Teatro Down Compostela estrea ‘Búscame a ese tipo’ no Salón Teatro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O Grupo de Teatro Down Compostela estrea esta fin de semana no Salón Teatro de Santiago a montaxe Búscame a ese tipo, escrita e dirixida por Lucas Herrador. A compañía, integrada por 20 actores e actrices con síndrome de Down e discapacidade intelectual, volve así ao escenario, que tamén acolleu os seus anteriores espectáculos, con dúas funcións que terán lugar mañá venres e o sábado 18 ás 20.00 horas.

Lucas Herrador, autor e director da peza, presenta nesta ocasión unha obra inspirada no xénero das novelas e do cine negro para compoñer un retrato social do mundo policial a través de personaxes cun alto sentido da xustiza.

A entrada será libre, previa retirada das localidades na billeteira do Salón Teatro, que estará aberta os días das funcións a partir das 18.00 horas.

Ademais do traballo de distintos voluntarios nas tarefas de montaxe, a compañía contou nesta ocasión coa colaboración do pintor compostelán Rafael Romero Masiá, quen asina o cartel do espectáculo.

Búscame a ese tipo é a oitava obra que representa o Grupo de Teatro Down Compostela, despois da posta en escena de Solo ante la Peligros (2015), Las pruebas de Hércules (2014), Bodas de sangre (2013), Fuenteovejuna (2012), Romeo y Julieta (2011), Esopo y sus fábulas (2010) e Alicia en el país de las maravillas (2009).

Tralas representacións de Búscame a ese tipo, o escenario do Salón Teatro será ocupado o vindeiro 21 de xuño por GN Teatro con Cabaret Salomé, e o día 22 pola Aula de Teatro Universitario de Santiago, que porá en escena Cinzas. Estas dúas producións serán as últimas en se exhibir no espazo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na presente temporada escénica 2015-2016.

16 de xuño de 2016 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.