publicidade hoxe

O encontro ‘Corazón da Artesanía’ de Agolada consolídase con máis obradoiros artesáns e postos de alimentación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAgoladaCalendarioLocal Portada
A-
A+

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, realizaron esta mañá unha visita de traballo xunto co alcalde de Agolada, Ramiro Varela, ao conxunto histórico-artístico de Os Pendellos, onde se vai celebrar do 8 ao 10 de xullo o Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, Corazón da Artesanía, que chega á súa quinta edición consolidado como a feira de referencia do sector e que continúa ampliando a súa oferta con máis obradoiros artesáns e postos de alimentación.

Tal e como sinalaron no percorrido polos Pendellos, Corazón da Artesanía contará este ano con 44 representantes de máis de 20 oficios como o téxtil, cestería, instrumentos musicais, xoiaría e ourivería, cerámica, zapatería, colareiras, marroquinería, elaboración de zocos, tellería, follalatería, forxa, figuras de pan, elaboración de redes e complementos, montaxe de moscas para pesca, elaboración de papel, cerámica e olería, tornería de madeira e talla en pedra. Por outra banda, o número de empresas alimentarias que ofrecerán exposición e venda dos seus produtos chegan a 49 nesta quinta edición do encontro no que tradición e vangarda van da man.

Na programación musical que complementará o encontro inclúense as actuacións de Os D’Abaixo o venres ás 22:30, e Susana Seivane o sábado á mesma hora, así como a música e baile tradicional do grupo Xirandaina, o domingo a partir das 18 horas.

Un ano máis, poñerase á disposición dos visitantes unha zona de acampada gratuíta, así como un servizo de autobuses de balde que unirán Agolada con Lalín e Melide. Os autobuses sairán o sábado e o domingo da Praza da Marina de Lalín ás 12:00, ás 17:00 e ás 20:00, cara a Agolada (Avda. do Concello, 69), e volverán ás 16:45,19:30 e 00:30 horas. O venres os horarios serán ás 17:00 e as 20:00 de Lalín e ás 19:30 e ás 00:30 dende Agolada.

Desde Melide, os autobuses sairán do cruce coa estrada de Agolada ás 13:00 e ás 18:00 e volverán desde Agolada ás 18:45 e ás 23:45, agás o domingo que o último autobús será ás 21:30 horas. O venres o servizo sairá ás 18:00 de Melide e volverá ás 23:45 horas.

A organización da feira habitará unha carpa próxima aos Pendellos onde se ofrecerá un servizo de comida para os visitantes e como novidade este ano instalaranse dous foodtrucks na praza do Concello que incrementarán a oferta gastronómica. Tamén como novidade realizarase un concurso fotográfico en instagram que premiará a mellor fotografía feita no evento.

Artesanía no prato

Un ano máis desenvolverase a iniciativa “Artesanía no prato”, coa que se pretende achegar a artesanía ás novas propostas da cociña galega. Os cociñeiros Javier Rodríguez Ponte “Taky”, Hector López, Xoán Crujeiras e Antonio Rodríguez, acompañado do sumiller Bruno Lovelle e Xoán Crujeiras serán os chefs encargados de menús degustación con produtos galegos de calidade, que se presentarán en pezas da marca Artesanía de Galicia. A partir destes showcookings, as pezas de artesanía incorpóranse aos menús como unha nova maridaxe, imprimíndolle un valor engadido á propia gastronomía.

Os menús degustación realizaranse con produtos galegos de calidade, moitos dos cales se poderán atopar á venda no propio Encontro, incluída a maridaxe, para a que se proporán algúns dos viños expostos e mesmo cervexas artesanais. Os cociñeiros empregarán para as presentacións dos seus menús pezas de cerámica dos obradoiros Cerámica Regal (Viveiro), Cerámica Suve (Cangas), Nacho Porto (Carnota), Verónica Moar (A Coruña) e pezas de Buño de O Rulo (Buño, Malpica de Bergantiños); pratos de madeira deseñados e producidos por Atalanta (A Estrada), pezas de madeira de oliveira elaboradas polo obradoiro Armaior (Quiroga) e téxtil de Concha Canoura (Culleredo).

O primeira showcooking terá lugar o venres 8 ás 20:30 horas, a cargo de Antonio Rodríguez e Bruno Lovelle. O sábado será a quenda de Héctor López, que ofrecerá pases ás 13:30 e ás 15:00 horas; así como Xoán Crujeiras que ofrecerá unha demostración ás 20:30 horas. O cociñeiro Javier Rodríguez Ponte – Taky, será o encargado das demostracións do domingo, que terán lugar en dous pases ás 13:30 e ás 15:00 horas. A inscrición para estas actividades é gratuíta, e é precisa inscrición previa no teléfono 692843313, en horario de 9:00 a 14:00 horas, ou no enderezo http://www.comunic-artecomunicacion.com/inscripción-corazón-de-artesania/. As prazas asignaranse por orde de recepción das reservas.

O Corazón da Artesanía é un evento integral de divulgación e de posta en valor da artesanía e dos oficios artesáns, así como da súa interrelación con outras disciplinas artísticas. O amplo programa de actividades da feira inclúe tamén cursos de formación especializada para artesáns e público interesado en achegarse ao mundo da artesanía como é a cestería, a restauración de cadeiras, a encadernación, a ourivería e un obradoiro de percusión tradicional e gaita tradicional. Inclúe tamén talleres participativos e actividades específicas para achegar o público infantil á artesanía.

27 de xuño de 2016 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.