O delegado da Xunta en Vigo achegouse á unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia para doar sangue

López-Chaves doando sangue
Cada día dez unidades móbiles do Centro de Transfusión de Galicia (CTG) da Axencia Galega de Sangue, Tecido e Órganos percorren Galicia achegándose a todos os cidadáns que queren colaborar coas doazóns de sangue. Esta mañá unha desas unidades instalouse no edificio administrativo da Xunta en Vigo.
Entre os achegados para doar sangue destacaron veciños próximos ao lugar e persoal traballador do propio edificio da Xunta en Vigo. O delegado territorial, Ignacio López-Chaves, tamén se sumou a esta causa.
As estatísticas amosan que as doazóns de sangue en Galicia continúan a ter unha grande importancia. O pasado ano foron 111.250 as doazóns rexistradas na nosa comunidade, o que representa 41 doazóns por cada 1.000 habitantes, cifra situada no índice recomendado pola Organización Mundial da Saúde. Aínda así, dende o CTG consideran preciso fomentar as doazóns entre os habitantes co obxectivo de mellorar estas cifras.











