O convenio da estación intermodal de Santiago debaterase en pleno extraordinario para que os grupos se posicionen

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, explicou que o proxecto da estación intermodal da capital galega se debaterá entre todos os grupos nun pleno extraordinario para que “se posicionen” e poidan “expoñer as súas lecturas” e opinións ao respecto.

Así o explicou este mércores en Santiago a preguntas dos medios, ante as que concretou que o pleno terá lugar nos próximos días e dependerá das datas que estableza o Ministerio de Fomento para a sinatura do convenio. O alcalde compostelano pretende que se rubrique antes das próximas eleccións xerais do 26 de xuño.

No caso de que o pleno non aprobe o proxecto, este non poderá asinarse co Ministerio de Fomento, aínda que Noriega asegurou que “confía” en que a proposta da intermodal recibirá un “amplo apoio” no debate plenario.

Así mesmo, Noriega respondeu ás críticas do PP, o voceiro do cal, Agustín Hernández, sinalou a actitude do goberno local nas negociacións como “submisa”, así como ás do voceiro do BNG, Rubén Cela, que asegurou que a Xunta e Adif conseguiron un bo acordo, pero o Concello non.

“CRÍTICAS PARTIDARIAS”

A este respecto, Noriega afirmou, tras un evento que tivo lugar no Pazo de Raxoi, que lle preocupan determinadas “guionizacións” da oposición, que “están lonxe” das “posicións da cidade”. Así, asegurou que se trata de “críticas partidarias”.

Nesta liña, valorou que se puidera negociar este acordo “cun goberno en funcións” e nun “horizonte convulso”. Ademais, destacou que o feito de que se detallaran “prazos e fases concretos” en relación ao proxecto é un “paso adiante”, tras “20 anos demandando unha intermodal”.

Así, afirmou que facer “crítica política” ao respecto é “lícito”, pero “non atende” aos “intereses de Santiago”.

DEBATE PLENARIO

Neste sentido, Martiño Noriega asegurou que o goberno local decidiu na tramitación do propio convenio levalo a pleno antes da súa sinatura co Ministerio de Fomento para que sexa no propio pleno “onde se posicionen os grupos” parlamentarios.

Así, subliñou a positividade de debater o proxecto da estación intermodal da cidade para que, se os demais grupos parlamentarios entenden que “non é o convenio que lle corresponde á cidade”, “o rexeiten”.

Neste sentido, subliñou que o “debate aberto é positivo” porque “todo o mundo debe responsabilizarse” na toma dunha decisión que afecta a esta infraestrutura. Deste modo, o goberno local pretende que o debate que “se está a dar publicamente” se realice tamén na corporación.

PADROADO DO REFUXIO DE ANIMAIS

Por outra banda, foi preguntado acerca das acusacións de Agustín Hernández, que criticou que malia que o contrato da directora do refuxio de animais, Paloma Aguirre, finaliza en xullo, aínda non se convocara un concurso para substituila. Ademais, Hernández tamén criticou que as bases estarían dispoñibles en xuño e aínda non o están.

Sobre este punto, o rexedor compostelano asegurou que o voceiro ‘popular’ falou “dende o descoñecemento” e recordou que, dado que a directora ten contrato ata xullo, “non pódense” impulsar substitucións antes desa data. Ademais, explicou que se convocará ao padroado para tomar as decisións pertinentes.

1 de xuño de 2016 | 16:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.