O candidato de Ciudadanos pola Coruña defende suprimir as deputacións
O candidato de Ciudadanos por A Coruña, José Canedo, avogou por suprimir as deputacións para rematar co “niño de quioscos e corruptos”; mentres que, fronte a isto, apostou por “apoiar” sectores “fundamentais” para Galicia como son o pesqueiro e o lácteo.
Así manifestouno durante os almorzos electorais organizados pola Asociación da Prensa da Coruña (APC), onde debullou algunhas das propostas da súa formación política para Galicia, e entre as que destaca a aposta polo sector primario, a supresión do copagamento ou a creación dun plan nacional de educación.
Ao inicio da súa intervención, Canedo aproveitou para facer referencia ao debate catro emitido este luns, e no que “quedou claro que o pasado é moi negro para España e Galicia”. Tras isto, e a preguntas dos xornalistas, o candidato por A Coruña foi contando algunhas das propostas de Ciudadanos para a Comunidade galega.
Entre as medidas, destacou a aposta por sectores “fundamentais” como o pesqueiro e o lácteo, aos que hai destinar inversión económica “atacando aquilo que en Galicia é un auténtico desastre, un niño de quioscos e de corruptos: as deputacións”. “Temos que acabar coas deputacións porque é un gasto inútil”, destacou.
“A agricultura, a gandaría e a pesca son temas fundamentais para Galicia”, afirmou Canedo, que advertiu que, de non tomar as medidas axeitadas, o sector lácteo se enfrontará a un “problema moi grave”.
MÁIS PROPOSTAS
Neste sentido, o candidato de Ciudadanos apostou por “empezar a pensar en serio” no sector lácteo para conseguir “ser máis competitivos”. “Hai que rematar co minifundismo e fomentar as cooperativas”, dixo.
Ademais, rematar o AVE a Galicia e a eliminación de certas peaxes é outras das propostas desta formación, e entre as que tamén se inclúe a creación dun plan nacional de educación e a eliminación do copagamento farmacéutico.
“Seguiremos loitando por poñer a Galicia onde ten que estar”, afirmou antes de defender que se presenta “con humildade e con ganas de cambiar Galicia”. José Canedo substituíu por decisión da dirección do partido a Antonio Rodríguez como cabeza de lista.











