O 061 colabora coa Orde de Malta na asistencia sanitaria aos peregrinos na Catedral de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Sinatura do convenio de colaboración. Foto: X. Crespo

Sinatura do convenio de colaboración. Foto: X. Crespo

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 vén de asinar un acordo coa Soberana Orde de Malta, coa fin de dotar da infraestrutura sanitaria necesaria para o funcionamento do posto de socorro no Claustro da Catedral. Esta colaboración manterase ao longo do verán, dende o 1 de xullo ata o 30 de agosto, cando a afluencia de turistas e peregrinos é maior.

O acordo foi asinado hoxe polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e polo delegado en Galicia da Orde de Malta, Carlos Torres Bescansa. No acto de sinatura estiveron presentes, tamén, o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, e o director do 061, José Antonio Iglesias Vázquez.

Aumento da afluencia de peregrinos

Nos últimos anos a afluencia de peregrinos a Santiago vén experimentando un continuo auxe, chegando a acadar cifras máis elevadas que en anos xacobeos. Este ano, con motivo do Xubileo da Misericordia, que se celebra en Compostela dende o 8 de decembro de 2015 ata o 20 de novembro de 2016, se prevé que o aumento de persoas que se acheguen ata a Catedral sexa aínda maior.

Por todo o anterior, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, como servizo encargado de prestar asistencia á urxencia e emerxencia no ámbito extrahospitalario, conveu facilitar os recursos necesarios para atender ás persoas que se acheguen ata a Catedral ao longo deste verán.

Trátase dunha colaboración que se realizou en anos anteriores, especialmente nos anos xacobeos, nos que Urxencias Sanitarias de Galicia-061 dispón de postos de asistencia sanitaria ao longo do Camiño de Santiago, na Catedral e no seu contorno.

Sinalar, por último, que Urxencias Sanitarias de Galicia-061 presta atención sanitaria ás urxencias e emerxencias sanitarias extrahopitalarias na Comunidade galega dende o ano 1998 e actualmente está considerado como o servizo sanitario mellor valorado pola cidadanía, obtendo os máis altos índices de valoración pola poboación usuaria.

29 de xuño de 2016 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.