Noventa concellos coruñeses desenvolverán programas de igualdade e loita contra a violencia de xénero coas axudas da Deputación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Deputación da Coruña destina 900.000 €a programas de igualdade e loita contra a violencia de xénero das que serán beneficiarios noventa concellos máis o consorcio das Mariñas e a Mancomunidade de Ordes. As subvencións destinaranse a iniciativas como programas de conciliación, empregabilidade, coeducación, xornadas contra a violencia de xénero ou obradoiros de igualdade.

A comisión avaliadora de subvencións asinou este venres día 17 de xullo a concesión definitiva dos 899.994,02 euros do programa dirixido a concellos e entidades locais para o desenvolvementos e programas de igualdade entre homes e mulleres e loita contra a violencia de xénero. A resolución contempla que un total de noventa concellos ademais de dúas entidades locais como son o Consorcio das Mariñas e a Mancomunidade de Ordes serán beneficiarias das subvencións que se destinarán a multitude de programas para as que foron solicitadas, entre eles, iniciativas de conciliación, empregabilidade, coeducación, xornadas sobre violencia de xénero ou obradoiros de igualdade dirixidos especialmente a centros de ensino.

Tan só tres concellos non concorreron as axudas que concede a área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero da Deputación da Coruña. Das solicitudes, un 88,04% foron presentadas para programas de promoción da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, de maneira especial dirixidas á conciliación. Un 11,96% optaron por programas de loita contra a violencia, maiormente para a prevención, sensibilización e identificación.

A responsábel da área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade, Ánxela Franco, destaca a vontade destas axudas de “dotar aos concellos de recursos para, desde as entidades locais, contribuír de maneira decidida á igualdade e á loita contra a violencia de xénero”. Para a deputada nacionalista, “os concellos, ao estaren en contacto directo coa veciñanza, poden detectar as urxencias e as posibilidades para unha política eficaz no ámbito da igualdade”.

17 de xuño de 2016 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.