Montecelo recibe os primeiros pacientes do Programa de detección precoz de cancro colorrectal para a realización da colonoscopia basal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+

O Hospital Montecelo recibirá a partir do vindeiro luns, día 4 de xullo, aos primeiros pacientes que forman parte do Programa de detección precoz de cancro colorrectal na Estrutura de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés. As persoas que foron citadas nesta ocasión son aquelas que deben realizar unha colonoscopia basal, a raíz dos resultados positivos da primeira proba que contempla o programa: a detección da presenza de sangue oculto en feces.

O programa de cribado de cancro de colon, promovido pola Consellería de Sanidade, é un dos principais proxectos que a EOXI de Pontevedra e O Salnés lanzou este ano e con el se pretende dar cobertura a preto de 75.000 persoas de toda a área sanitaria.

Nesta primeira fase, está citada unha cota derivada dos centros de saúde de Virxe Peregrina, Bueu e San Roque de Vilargarcía de Arousa e que abrangue a 23.000 persoas. De entrada, o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra ten capacidade para levar a cabo 25 colonoscopias á semana.

Este proxecto, dirixido a homes e mulleres con idades comprendidas entre os 50 e os 69 anos e que está previsto estender aos dous terzos de poboación restantes paulatinamente, permitirá detectar esta patoloxía e mellorar de xeito substancial o seu prognóstico e supervivencia, pois mediante a detección precoz conséguese diagnosticar o cancro en etapas iniciais da enfermidade, incrementando así as posibilidades de curación. Neste senso, cabe destacar que está demostrado que este tipo de programas pode diminuír a mortaldade até un 35%.

Protocolo a seguir

A finalidade do cribado de cancro colorrectal é que a poboación á que vai dirixido realice, cada dous anos e no seu domicilio, unha proba sinxela para determinar a presenza de sangue oculto en feces. Este estudo non serve por si só para diagnosticar esta patoloxía, pero un resultado positivo permite identificar a aqueles pacientes con lesións potenciais causantes de sangrado dixestivo, entre elas o cancro colorrectal, en cuxo caso é aconsellable realizar unha colonoscopia.

As persoas que encaixen dentro do perfil determinado polo programa recibirán unha carta no seu domicilio, na que serán convidadas a participar no mesmo. A continuación, tras remitir a súa aceptación ao centro coordinador, se lle facilitará o material preciso para a toma da mostra, así como as instruccións para recollela. Tras a análise, se comunicarán os resultados e, de ser positivos, se procederá a dar cita no centro de saúde correspondente para a programación da colonoscopia basal.

Unha vez realizada, os pacientes serán clasificados como de risco baixo, intermedio ou alto de padecer cancro colorrectal e se lles recomendará repetir un novo test de sangue oculto en feces ou ben unha colonoscopia de control aos 12 meses, 3 e 5 anos ata que acaden os 75 anos de idade. En concreto, nos casos de baixo risco, o programa da Consellería de Sanidade se encargará de enviar un kit para realizar o seguemento aproximadamente aos 5 anos.

Pola contra, nos casos de risco intermedio ou alto, chegado o momento de realizar unha colonoscopia de control, se lle remitirá unha carta a modo de recordatorio cunha cita co seu médico de familia, polo que deberán pasar de novo pola consulta de precolonoscopia por se as súas circunstancias de saúde cambiaron e será necesario cubrir un novo informe sobre a súa evolución. Farase entrega do consentimento informado, a preparación farmacolóxica e das instruccións para a dieta.

Frecuencia e síntomas

O cancro colorrectal é o tumor máis frecuente nos países desenvolvidos e ocupa o segundo lugar despois do de pulmón nos homes e o de mama no caso das mulleres.

As persoas con historia familiar de cancro colorrectal e aquelas con enfermidades inflamatorias intestinais crónicas teñen máis risco de desenvolver esta patoloxía.

Non adoita causar ningunha molestia ata que está nunha fase moi avanzada. Algúns dos síntomas que se identifican como máis frecuentes son os cambios de hábito intestinal de varias semanas de duración e emisión de sangue polo recto sen molestias asociadas. O 85% dos casos se orixinan nun pólipo intestinal que maligniza tras un período prolongado de ata 10 anos, o que permite a súa detección en estadios iniciais e incluso nas fases premalignas.

Aumentar o consumo de froita e verdura, limitar o de graxas de orixe animal, moderar o de bebidas alcohólicas, facer exercicio físico, e evitar o tabaco son algunhas das medidas que aconsellan os profesionais para previr a aparición deste cancro.

29 de xuño de 2016 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.