Medio Rural formou na provincia de Ourense a 2.000 persoas sobre a aplicación dos fitosanitarios
A Consellería do Medio Rural vén de intensificar, neste primeiro semestre de ano, a oferta formativa na provincia de Ourense en materia da aplicación de produtos fitosanitarios. Así, preto de 2.000 persoas recibiron formación nos tres niveis -básico, renovación e cualificado- a través dos máis de 110 cursos organizados desde o Servizo de Explotacións Agrarias e desde as Oficinas Agrarias Comarcais dependentes da Xefatura Territorial deste departamento autonómico en Ourense.
Ademais, na provincia ourensá estreouse a nova unidade móbil da que dispón a Consellería para facer chegar os seus cursos a todos os recunchos da comunidade. Ata hoxe, e durante un mes, esta aula percorreu as comarcas de Valdeorras, Verín e O Ribeiro ofrecendo un total de 18 cursos que formaron a máis de 400 persoas.
Tamén se intensificou o labor informativo co reparto de folletos sobre a normativa de fitosanitarios e os seus posibles usos polo agricultores non profesionais sen necesidade de dispor do carné de manipulador-aplicador.
Ao inicio de ano e co fin de aclarar aos veciños dos municipios ourensáns a necesidade de obter ou non o carné de manipulador, segundo o uso que se faga dos produtos, celebráronse un total de 11 charlas informativas.
No segundo semestre do ano, o plan de formación prevé a celebración doutros 30 cursos na provincia.











