publicidade hoxe

Medio Ambiente restaurará a praza do Bispo Carrascosa na Colexiata de Santa María en Xunqueira de Ambía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaXunqueira de Ambía
A-
A+
Beatriz Mato na sinatura do convenio co rexedor de Xunqueira de Ambía

Beatriz Mato na sinatura do convenio co rexedor de Xunqueira de Ambía

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio levará a cabo a restauración da praza Bispo Carrascosa no contorno da Colexiata de Santa María no Concello de Xunqueira de Ambía por un orzamento de case 250.000 euros.

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, ao alcalde de Xunqueira de Ambía, José Luís Gavilanes, asinaron o convenio de colaboración que permite a licitación desta actuación, que se enmarca no Plan HURBE e que é posible grazas o orzamento de cinco novos millóns de euros que manexará o seu departamento, grazas a inxección que recibirá a Comunidade galega polo cumprimento do déficit.

As actuacións que se pretenden levar a cabo abarcan os espazos da praza Bispo Carrascosa, o adro da Colexiata e o extremo nordeste da praza San Rosendo, integrados todos eles no conxunto da Colexiata de Santa María de Xunqueira de Ambía, o cal foi declarado Monumento Histórico-Artístico e Ben de Interese Cultural. Trátase dunha área no centro do núcleo urbano tradicional conformada por un conxunto de espazos públicos envoltos por edificacións tradicionais de pedra con cubertas de tella cerámica.

Os traballos de recuperación teñen por finalidade manter e conservar o contorno da colexiata, así como resolver situacións desafortunadas, como as instalacións vistas, que se foron consolidando ao longo do tempo. Deste xeito, o que se persegue é dar unha mellor imaxe do conxunto do espazo público, mellorar as súas condicións de uso e executar as canalizacións precisas, para no futuro poder completar as instalacións, sen que sexa necesario intervir de novo no subsolo da praza.

Plan HURBE

O Plan HURBE é un programa de actuación que a Xunta impulsou en 2010 para dar resposta á necesidade de humanización das vilas de Galicia. Tendo en conta o modelo social de integración cidadá, busca o achegamento dos entramados urbanos aos seus habitantes mediante a adecuación e creación de espazos públicos para as necesidades vixentes.

Segundo o Plan de investimentos da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a Consellería destinará este ano máis de seis millóns de euros a este plan, aos que se sumarán cinco novos millóns de euros, é dicir, 11 millóns de euros. O orzamento destinarase, principalmente, á humanización de rúas e á urbanización e mellora de espazos públicos.

Entre outros beneficios, o HURBE favorece a sustentabilidade futura compatibilizando o desenvolvemento económico e a agrupación en torno aos núcleos de poboación con criterios de ordenación territorial e habitabilidade, recupera espazos públicos que foron perdendo o seu carácter de áreas de interacción social por un inadecuado desenvolvemento urbanístico, e potencia a conservación dos equipamentos urbanos patrimonio histórico das nosas vilas.

15 de xuño de 2016 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.