publicidade hoxe

Medio Ambiente mellorará os accesos no núcleo de Casardomato-Esposende en Cenlle

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCenlle
A-
A+
Beatriz Mato na sinatura do convenio co alcalde de Cenlle

Beatriz Mato na sinatura do convenio co alcalde de Cenlle

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio levará a cabo unha mellora dos accesos ao núcleo de Casardomaro-Esposende no Concello de Cenlle. Así se recolle no convenio asinado entre a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Cenlle, Gabriel Alén Castro, para dotar dunha mellora do firme para favorecer as condicións de tránsito e seguridade viario e, deste xeito, proporcionar maior calidade de vida á poboación deste núcleo rural.

O núcleo de Casardomato é un pequeno conxunto de edificacións pertencente á parroquia de Esposende neste municipio da provincia de Ourense e os accesos a este núcleo son bastante deficientes. Caracterízase por unha grande presenza de formacións rochosas características das beiras do río Avia, e unicamente se pode acceder a Casardomato por tres estreitas vías (dúas delas procedentes de outros núcleos da mesma parroquia) que conflúen nun pequeno espazo onde resulta moi complicada a manobra dos vehículos.

A vía principal, que parte da estrada autonómica OU-211 (P.K. 3+850m), é unha estreita subida de pendente moi pronunciada que carece de pavimentación adecuada.

Por outra banda, o firme de acceso ao lugar mencionado encóntrase en mal estado polo que é necesario executar tamén a mellora da súa capa de rodadura. Neste sentido, as obras consistirán en limpar e pavimentar a vía principal de acceso a Casardomato ata o cruce de camiños, mediante o bacheo con grava e o asfaltado de toda a súa superficie. Tamén se proxecta o arranxo da vía que une os núcleos de Casardomato e Santa Mariña.

Tal e como sinalou a conselleira, o importe desta actuación non é moi elevado (o orzamento da obra non supera os 15.000 euros) pero a importancia e a urxencia é incuestionable, xa que garante a mobilidade e conectividade dos cidadáns e veciños deste núcleo.

Trátase dunha actuación que se enmarca dentro do Plan HURBE e que é posible grazas o orzamento de cinco novos millóns de euros que manexará o seu departamento, grazas a inxección que recibirá a Comunidade galega polo cumprimento do déficit.

Plan Hurbe

O Plan HURBE é un programa de actuación que a Xunta impulsou en 2010 para dar resposta á necesidade de humanización das vilas de Galicia. Tendo en conta o modelo social de integración cidadá, busca o achegamento dos entramados urbanos aos seus habitantes mediante a adecuación e creación de espazos públicos para as necesidades vixentes.

Segundo o Plan de investimentos da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a Consellería destinará este ano máis de seis millóns de euros a este Plan, aos que se sumarán cinco novos millóns de euros, é dicir, 11 millóns de euros. O orzamento destinarase, principalmente, á humanización de rúas e á urbanización e mellora de espazos públicos.

Entre outros beneficios, o HURBE favorece a sustentabilidade futura compatibilizando o desenvolvemento económico e a agrupación en torno aos núcleos de poboación con criterios de ordenación territorial e habitabilidade, recupera espazos públicos que foron perdendo o seu carácter de áreas de interacción social por un inadecuado desenvolvemento urbanístico, e potencia a conservación dos equipamentos urbanos patrimonio histórico das nosas vilas.

15 de xuño de 2016 | 17:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.