publicidade hoxe

Medio Ambiente licita as obras de reurbanización de varios espazos urbanos de Carral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarral
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio licita hoxe no Diario Oficial de Galicia as obras de reurbanización das rúas Uxío Novoneyra, Pinguela e Cortaduría, así como na praza do Curro do corno, ubicadas no núcleo urbano do concello de Carral, por un importe de 413.000 euros. Cómpre recordar que o convenio de colaboración recolle un importe de 470.000 euros, xa que ao importe de licitación da obra hai que engadir outros custes, como a dirección de obra.

Esta actuación desenvólvese no marco do Plan Hurbe, que impulsa e financia o Goberno galego, e que neste caso concreto, incluirá a ampliación das zonas peonís, o soterramento das instalacións aéreas, a mellora da distribución de contedores de lixo, e a reorganización do tráfico da zona.

Grazas a estas actuacións, contribuirase á rexeneración urbanística, ao aumento e mellora do espazo público e ao impulso económico do concello de Carral. Cómpre ter en conta que nestas rúas existen bastantes baixos e locais comerciais sen ocupar, polo que esta reurbanización pretende promover, ao mesmo tempo, o crecemento comercial do núcleo urbano.

A obra licitada hoxe é a segunda actuación que se realiza en Carral no marco do Plan Hurbe. En 2011, executouse a urbanización do Campo da feira do concello, cun orzamento superior aos 350.000 euros. Así, o investimento do Hurbe en Carral achégase, ata o momento, aos 825.000 euros.

Plan Hurbe

O Plan Hurbe é un programa de actuación que a Xunta impulsou en 2010 para dar resposta á necesidade de humanización das vilas de Galicia. Tendo en conta o modelo social de integración cidadá, busca o achegamento dos entramados urbanos aos seus habitantes mediante a adecuación e creación de espazos públicos para as necesidades vixentes.

Segundo o Plan de investimentos da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a Consellería destinará este ano máis de seis millóns de euros a este Plan, aos que se sumarán cinco novos millóns de euros, é dicir, 11 millóns de euros. O orzamento destinarase, principalmente, á humanización de rúas e á urbanización e mellora de espazos públicos.

Entre outros beneficios, o Hurbe favorece a sustentabilidade futura compatibilizando o desenvolvemento económico e a agrupación en torno aos núcleos de poboación con criterios de ordenación territorial e habitabilidade, recupera espazos públicos que foron perdendo o seu carácter de áreas de interacción social por un inadecuado desenvolvemento urbanístico e potencia a conservación dos equipamentos urbanos patrimonio histórico das nosas vilas.

22 de xuño de 2016 | 12:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.