Medio Ambiente inicia os foros de diálogo para a elaboración da Estratexia de sustentabilidade ambiental
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, salientou hoxe que o departamento que dirixe vén de abrir o proceso de participación pública para a elaboración da Estratexia de sustentabilidade ambiental e de iniciar os foros de diálogo cos distintos sectores produtivos. Engadiu que o seguinte paso a esta consulta pública será obter no vindeiro mes de xullo un borrador coas principais conclusións do proceso de participación pública da Estratexia de Sustentabilidade Ambiental.
Mato Otero participou esta mañá na xornada sobre a visión dos sectores empresariais galegos ante o desenvolvemento sustentable, un foro de debate e diálogo que representa unha oportunidade para o intercambio de opinións e experiencias. Sinalou que coñecendo as preocupacións do sector, en relación co medio ambiente, así como o diagnóstico e a opinión sobre o traballo que se pode facer para protexer a nosa contorna -xunto coas conclusións que se arroxen as consultas que están abertas- acadarase un documento completo e común no que se recollan as cuestións de maior interese e a principais eivas dende as que avanzar. Engadiu que esta mesa de traballo tamén se celebrará na Cidade de Vigo para coñecer de primeira man a opinión dos sectores do mar, mobilidade e construción.
Tal e como manifestou a conselleira, esta xornada establece un importante punto de partida para un dos grandes obxectivos da Consellería, como é a Estratexia de sustentabilidade ambiental, ou o que é o mesmo “a folla de ruta que converta a Galicia nun referente na loita contra o cambio climático e na protección e coidado do medio ambiente.
Nese sentido, Beatriz Mato sinalou que conseguir que a sociedade sexa plenamente sostible é a única garantía de futuro; polo que “hoxe hai que traballar con compromiso, responsabilidade e rigor, para non hipotecar o futuro das xeracións do mañá”.
Resumiu que hai sinais evidentes, como o aumento do nivel do mar, o xeo do Ártico derrétese ou os frecuentes episodios de chuvias intensas e secas extremas; de que o planeta se esgota e, en consecuencia, o modelo de economía lineal tradicional.
Así, “este é momento de apostar por novas fórmulas”, como a economía baixa en carbono, a cultura da reciclaxe, ou a eco-innovación; “unha aposta por fontes de enerxía limpas e renovables”. É dicir, converter os residuos en recursos con novas opcións que non só serán beneficiosas coa contorna, senón que tamén abrirán un amplo abano de oportunidades económicas: fomentando a innovación, favorecendo o emprendemento e contribuíndo, en definitiva, á xeración de emprego e de riqueza, ao tempo que se protexe o medio ambiente.











