publicidade hoxe

Medio Ambiente informa en Ferrol da liña de axudas para compensar danos provocados polo xabaril

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio convocará ao longo deste mesmo mes as liñas de axudas para compensar os danos provocados polo xabaril e para a adquisición de sistemas de prevención. Esta é unha das medidas que recolle o Plan de acción transversal para previr e minimizar os danos ocasionados polo xabaril, elaborado pola Xunta de Galicia.

A directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz López, presentou esta mañá aos membros dos tecores de Urogallo e Xubia este plan de acción. Detallou que a primeira das subvencións terá carácter compensatorio, parar reparar os danos directos sobre os cultivos agrarios, dotada con 600.000 euros; e outra fomentará a adquisición de métodos de prevención como pastores eléctricos, cun orzamento total de 400.000 euros, dos que 250.000 euros irán destinados exclusivamente ao xabaril.

Díaz López recordou que se trata do primeiro Plan de acción global contra os danos ocasionados polo xabaril e que conta cun investimento de preto de 1,3 millóns de euros. O obxectivo é previr e minimizar os danos que causa esta especie na comunidade autónoma, ao tempo que se preserva a conservación destes animais.

Tamén destacou que é un plan de acción transversal, resultado dun traballo multidisciplinar no que tomaron parte as consellerías de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Infraestruturas e Vivenda e Medio Rural; o Ministerio de Fomento; a Dirección Xeral de Tráfico; a Garda Civil de Tráfico; e Federación Galega de Caza; e se articula ao redor de catro eixos: accidentes de tráfico, danos producidos na agricultura, xestión e aproveitamento da especie, e educación e formación.

Unha das liñas estratéxicas do plan é a análise e posta en marcha de medidas para tratar de minimizar os sinistros de tráfico que provocan estes animais nas estradas galegas.

Así, contase coa información da Dirección Xeral de Tráfico sobre os accidentes nos que se tivese identificado a presenza de animais, e máis concretamente do xabaril. O Goberno galego tamén se está a coordinar coa Universidade da Coruña para integrar os datos nun sistema de información xeográfica (SIX). A Consellería de Infraestruturas prevé que despois do verán se disporá da información que permitirá establecer o umbral de concentración de accidentes con animais, para determinar todas as zonas nas que se produza unha maior proporción de accidentes deste tipo.

Unha vez definidas estas zonas, emprenderase a implantación de medidas correctoras, segundo o tipo de estrada da que se trate. Nas vías convencionais, onde resulta máis complexo evitar a entrada de animais á calzada, reforzarase a seguridade con actuacións orientadas a informar ao condutor do perigo. Nas estradas con accesos controlados colocaranse pasos de fauna nas estradas de novo trazado; construiranse vías de escape de fauna ou peches reforzados; utilizaranse repelentes ou atraentes para conducir aos animais cara aos pasos de fauna habilitados; e reforzarase a sinalización.

Unha medida novidosa será a colocación de elementos disuasorios como captafaros reflectores, en concreto, xa hai catro tramos en probas, dous nunha vía de altas prestacións e outros dous en estradas convencionais. Estes dispositivos recollen a luz do vehículo, aínda a distancia, transformándoa en destelos que son enviados cara ás beiras da estrada. Deste xeito, inmobilízase á fauna no seu desprazamento, antes de que tente cruzar a estrada e moito antes de que o vehículo chegue á súa altura.

Outra das medidas que se está a estudar é a posibilidade de incorporar na aplicación para dispositivos móbiles da Dirección Xeral de Tráfico a identificación das zonas de concentración de accidentes por animais. Deste xeito, os condutores poderían ter información en tempo real cando circulasen por algunha destas zonas e incluso disporían de datos segundo as horas, os días da semana ou os meses nos que se teñan detectado maior número de sinistros por presenza de xabarís.

A terceira liña de actuación céntrase na xestión e aproveitamento da especie, facendo especial fincapé na protección dos espazos naturais. Neste eixo desenvolveranse, entre outras, tres medidas concretas: optimización do esforzo cinexético sobre o xabaril a través dunha rigorosa análise dos períodos hábiles de caza; fomento de campañas contra o furtivismo; e mellora da xestión dos espazos naturais protexidos. Todas estes proxectos desenvolveranse ao longo do verán e do outono.

Cabe destacar que para esta tempada de caza están planificadas inicialmente preto de 37.000 batidas (9.243 na Coruña; 10.969 en Lugo; 12.653 en Ourense; e 4.046 en Pontevedra). Na anterior temporada de caza, tíñanse autorizadas unhas 25.000.

Xa por último, o Plan contempla no seu último eixo abordar a educación e a formación, especialmente daqueles colectivos que manteñen actividades relacionadas co xabaril. Neste eido está previsto repartir no último trimestre do ano material informativo sobre as medidas deste Plan, e traballarase do sector cinexético para mellorar a organización das batidas, para conseguir que os animais se afasten das vías de alta capacidade.

15 de xuño de 2016 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.