Medio Ambiente e Sogama outorgan os premios de “Recicla as túas ideas e convérteas en arte”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+

A obra “Alixo de esperanza”, da que é autora Mª Esperanza González Doniz, natural de Ourense, fíxose co primeiro premio enmarcado no concurso “Recicla as túas ideas e convérteas en arte”, promovido pola Consellería de Medio Ambiente e Sogama para conmemorar do Día Internacional da Reciclaxe, celebrado o pasado 17 de maio.

A través desta iniciativa invitábase aos cidadáns a que elaborasen as súas propias obras de arte con materiais de refugallo e enviasen fotos das mesmas ás redes sociais de Sogama (Twitter e Facebook), especificando o título do traballo e mensaxe a transmitir, debendo concretar os tipos de residuos utilizados. O prazo para a presentación de candidaturas venceu o propio Día da Reciclaxe.

Creatividade e innovación

Dada a calidade dos traballos aportados, o xurado non o tivo fácil. No caso do primeiro galardón, Esperanza González explica na súa comunicación que a estrutura da obra, con medidas de 2,87 por 1,85 metros, está integrada por listóns de madeira nos que se suxeitan cartóns que conforman a superficie sobre a que se dispoñen os edificios, nos que se empregaron todo tipo de materiais: desde envases de plástico, caixas, bandexas de porexpán e macetas, ata cartuchos de impresora, tapóns, cristais, espellos, rotuladores e diversos utensilios escolares fóra de uso.

Ademais de todo isto, a montaxe conta con dous altofalantes de ordenador e un walkman, tamén reutilizados, a través dos cales se pode escoitar música, en concreto a composición “Sons Urbáns”, de Suso Janeiro González.

A obra dispón igualmente dun sistema de iluminación constituído por múltiples luces de Nadal que lle dan aspecto de skyline nocturno.

Pola súa banda, Raquel Álvarez Pérez, de Monforte de Lemos (Lugo) e que se fixo co segundo premio, fabricou un portalápices a partir de latas de conservas, papel de caramelos e de paredes, e piñas recollidas no seu xardín, utilizando tamén cordón de pita.

O terceiro premio foise para María del Carmen Guerner Fernández, de Tomiño (Pontevedra) polo seu “Volkswagen escarabajo”, no que empregou latas de refrescos, cinta illante e cola.

Máis aló da parte estética, o xurado, presidido polo presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, e no que actuou como vicepresidente un portavoz da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, contando coas achegas de dous vogais, tivo en conta a variedade de materiais reciclados utilizados nos traballos e a filosofía medioambiental dos mesmos.

En todo caso, as tres premiadas coinciden en sinalar a necesidade de fomentar a reciclaxe e protexer o medio ambiente, convencidas de que poden fabricarse cousas útiles a partir de refugallos, reducindo con isto a pegada ecolóxica e aforrando cartos.

Nun marco de economía circular, esa era precisamente a pretensión deste certame: poñer en valor os residuos e convertelos en recursos a través da creatividade e a innovación, evidenciando así o seu potencial e utilidades.

Galardóns

Os galardóns consisten en servizos e produtos distinguidos coa marca “Galicia Calidade” e valorados en 240, 180 e 120 euros respectivamente. No caso dos dous primeiros, as agraciadas poderán gozar de estancias para dúas persoas, durante dous días, en hoteis das Rías Baixas, mentres que a terceira recibirá un lote de artigos de carácter alimentario.

Así mesmo, enviaráselles, adicionalmente, unha serie de artigos de merchandising de Sogama, así como un xogo de bolsas reutilizables de recollida selectiva (amarela, para os envases de plástico, as latas e os briks; azul, para o papel e cartón; e verde, para os envases de vidro), facilitando desta forma a separación de residuos en orixe.

14 de xuño de 2016 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.