Medio Ambiente destina 150.000 euros a crear unha pasarela peonil sobre o río Sar e unha pista multideporte no Campo da Barca en Padrón
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio colaborará co Concello de Padrón na execución de dúas actuacións que porán en valor os espazos deste municipio. Así, Medio Ambiente destinará 150.000 euros á construción dunha pasarela peonil sobre o río Sar e unha pista multideporte no Campo da Barca.
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, trasladoulle este compromiso do Goberno galego ao alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, co que mantivo unha reunión de traballo para analizar ás necesidades que demanda este municipio. Indicoulle que estas actuacións son posibles ao enmarcalas dentro do Plan Hurbe e grazas ao orzamento de cinco novos millóns de euros que manexará o seu departamento, grazas á inxección que recibirá a Comunidade galega polo cumprimento do déficit.
No caso da pasarela peonil sobre o río Sar, esta infraestrutura cubrirá a falta de conexións entre ambas marxes na zona de augas arriba (cara o norte) da Ponte de Santiago; mentres que augas abaixo existen dúas pasarelas peonís que conectan o paseo do Espolón e a contorna do campo da feira coa outra marxe.
A pasarela que se pretende construír estará formada por unha estrutura metálica dun só van de 30 metros. O ancho do taboleiro será de 2,5 metros, polo que se permitirá a circulación e cruce de peóns e bicicletas. Co fin de integrar esta actuación, e de alixeirar a súa percepción visual, empregaranse táboas de madeira maciza e como sistemas de protección unha varanda de vidro con pasamáns de aceiro.
En relación coa obra da pista multideporte no Campo da Barca, será necesario facer traballos de desmonte do terreo, polo que se prevén movementos de terras e a instalación de diversas estruturas, como céspede artificial, varandas ou a instalación de canastras de baloncesto.
Beatriz Mato trasladoulle ao alcalde a máxima colaboración para facer realidade estas dúas actuacións no menor tempo posible co fin de que os veciños de Padrón se beneficien destas áreas de descanso.
Plan Hurbe
O Plan HURBE é un programa de actuación que a Xunta impulsou en 2010 para dar resposta á necesidade de humanización das vilas de Galicia. Tendo en conta o modelo social de integración cidadá, busca o achegamento dos entramados urbanos aos seus habitantes mediante a adecuación e creación de espazos públicos para as necesidades vixentes.
Segundo o Plan de investimentos da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a Consellería destinará este ano máis de seis millóns de euros a este Plan, aos que se sumarán cinco novos millóns de euros, é dicir, 11 millóns de euros. O orzamento destinarase, principalmente, á humanización de rúas e á urbanización e mellora de espazos públicos.
Entre outros beneficios, o HURBE favorece a sustentabilidade futura compatibilizando o desenvolvemento económico e a agrupación en torno aos núcleos de poboación con criterios de ordenación territorial e habitabilidade, recupera espazos públicos que foron perdendo o seu carácter de áreas de interacción social por un inadecuado desenvolvemento urbanístico, e potencia a conservación dos equipamentos urbanos patrimonio histórico das nosas vilas.