Mato ratifica o compromiso da Xunta de destinar 1,2 millóns de euros ao equipamento do Auditorio de Lugo

Beatriz Mato na reunión coa alcaldesa de Lugo. Foto: X. Crespo
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, ratificoulle hoxe á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o compromiso do Goberno galego para colaborar no equipamento do auditorio de Lugo, para o que destinará 1,2 millóns de euros, tal e como anunciou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Méndez e Mato reuníronse hoxe en Santiago para avanzar na colaboración entre a administración autonómica e a local. Durante o encontro, a conselleira emprazou ao goberno municipal á busca activa doutras vías de financiamento, que se sumen ao compromiso xa validado da Xunta, de xeito que se poida chegar aos 3,4 millóns de euros da última oferta existente para equipar esta infraestrutura. Neste sentido, brindouse a colaborar co concello de Lugo para buscar outras alternativas, como podería ser o financiamento estatal.
A responsable autonómica apuntou, ademais, que tras a última visita dos técnicos, comprobouse que o edificio se atopa en total disposición para ser recepcionado.
Preto de 20 millóns de euros
Ao respecto, recordou que o departamento autonómico investiu preto de 20 millóns de euros na construción desta infraestrutura, o que supón case o 95% do total do custo total da obra. O terreo no que se construíu esta instalación foi tamén cedido pola Xunta.
O edificio conta con case 15.000 metros cadrados construídos; dúas salas principais, con capacidade para 900 e 300 persoas respectivamente; un área para exposicións e congresos; unha cafetería e restaurante; e 143 prazas de aparcadoiro.











