Martiño Noriega valora os resultados de En Marea nas últimas enquisas: “É un proxecto que segue avanzando”
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, valorou os resultados alcanzados por En Marea nas últimas enquisas como o resultado dun “proxecto que segue avanzando”. Segundo sinalou o rexedor nunha rolda de prensa, existe “un espazo cidadán” e é necesario ser “ambiciosos”.
As enquisas, publicadas este domingo, sitúan a En Marea como segunda forza en Galicia para as próximas eleccións xerais do 26 de xuño. Para Noriega, aínda que é difícil quitarlle ao PP a lista máis votada, é “un dos obxectivos que hai que poñer no horizonte”.
Por outro lado, tamén apuntou que depende do PSOE “a apertura dunha nova etapa no conxunto do país”. Segundo o alcalde, os votantes socialistas non penalizan o partido por “intentar formar goberno”, senón por “enrocarse” nun pacto con Ciudadanos que “non quere o cambio”.
En relación á inscrición de En Marea como partido instrumental e os conflitos xurdidos no seo interno das distintas organizacións que a promoven, apelou a superar estas discrepancias, xa que, por enriba das diferentes ideas dos que traballan pola unidade popular, situou “a propia unidade popular”.
Así as cousas, insistiu en que, aínda que poidan xurdir discrepancias, sempre se poden “buscar solucións” e “diálogo”, antepoñendo a construción dun “común denominador”.
DECLARACIÓNS DE LEICEAGA
En canto ás palabras do candidato do PSdeG á Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, quen asegurou na Cadena SER que o electorado “ten a sensación de que as mareas non están preparadas para gobernar”, Noriega replicou que “entende e respecta” a opinión do dirixente socialista, convencido de que é “o que ten que defender”.
Iso si, advertiu que, “por enriba do que pense Leiceaga”, as forzas emerxentes que buscan a confluencia teñen “un proxecto de acción para o país”.
Malia as declaracións do socialista, Noriega asegurou que mantén a lectura “positiva” da elección de Leiceaga como candidato socialista á Xunta. Para o alcalde, é unha persoa que máis que defender “un proxecto político propio”, propón unha “opción plural”.











