Martiño Noriega rexeita retroalimentar as contradicións internas das confluencias
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, rexeitou este venres “retroalimentar” as “contradicións internas” e as “distorsións puntuais” que se producen dentro das confluencias despois de que o veterano Xosé Manuel Beiras (Anova) asegurase que Yolanda Díaz (EU) tivo con el un comportamento “ingrato e desleal”.
Preguntado en roda de prensa sobre as afirmacións verquidas por Beiras en V Televisión, Noriega expresou o seu “respecto” polas “opinións de cada un”, pero declinou comentalas “nestes momentos”.
O que si explicou é que, a medida que se avanza na “acumulación” de forzas, o proceso de unidade popular se volve “cada vez máis complexo”, e que iso “provoca contradicións internas e distorsións puntuais”. Non obstante, preferiu quedar co “evidente: que cada vez hai máis retorno da xente do común”.
“Máis alá das contradicións e de determinadas cuestións puntuais que pode haber dentro do proceso, o que é innegociable é que fose, na xente do común que o está a apoiar, dalgún xeito, cada vez máis, estase a primar o esforzo que están a facer todas as partes”, sostivo Noriega.
É por iso que se mostrou “convencido” de que, nas eleccións xerais do próximo día 26, os resultados de En Marea “aínda serán mellores” que os obtidos o pasado 20 de decembro, cando se fixo con seis deputados.
Así pois, a xeito de conclusión, o rexedor compostelano subliñou que o apoio social das confluencias é “o único” que lle “interesa”. “O outro (as declaracións de Beiras) forma parte de valoracións persoais que podo entender e respectar, pero que non vou retroalimentar en ningún momento”, resolveu.











