publicidade hoxe

Máis dun centenar de estudantes de primaria reúnese en Gandarío na xuntanza de fin de curso do programa Móvete

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBergondoLocal Portada
A-
A+
Xuntanza fin de curso do programa Móvete. Foto: M. Fuentes

Xuntanza fin de curso do programa Móvete. Foto: M. Fuentes

Un total de cento dez alumnos dos CEIP da Lomba (Vilagarcía de Arousa), Fontiñas (Santiago de Compostela) e Virxe da Cela (Monfero) acompañados polos seus docentes participaron no albergue de Gandarío na xuntanza de final de curso do programa piloto Móvete de dinamización do voluntariado entre o alumnado dos primeiros cursos de educación Primaria.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou hoxe esta iniciativa, que “pretende ser un instrumento para a formación integral dos alumnos máis novos a través dos valores asociados ao voluntariado e á solidariedade dende un contexto lúdico que vincula á música como elemento motivacional”.

Os obxectivos deste programa de voluntariado entre os máis pequenos son os de sensibilizar aos nenos e nenas participantes sobre os valores solidarios e a xustiza social, motivando o compromiso e participación como axentes xeradores de cambio, detectando necesidades sociais e identificando as causas que as provocan. O programa traballa as diferencias individuais sociais e culturais, potenciando as diferencias como algo enriquecedor e positivo e tamén habilita un espazo de reflexión e ofrece recursos ao alumnado para a súa participación activa.

Os alumnos destes tres centros desenvolveron durante o curso senllos proxectos de voluntariado que tiveron como temática o desenvolvemento rural, a protección dos dereitos dos animais e o coñecemento da realidade social da contorna.

Este programa Móvete para alumnos de primaria é o primeiro paso no itinerario de voluntariado integral e completo para os máis novos que ten en marcha a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. O seguinte paso é o Pasaporte Solidario –dirixido a rapaces de ata 12 anos-, continua coa Rede de Centros Solidarios para estudantes de Secundaria e complétase co Servizo de Voluntariado Xuvenil, que se prolonga ata os 30 anos.

21 de xuño de 2016 | 19:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.