Máis de 1.200 agricultores galegos beneficiáronse das vantaxes fiscais do programa impostos cero no rural neste ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou hoxe que máis de 1.200 agricultores e gandeiros galegos beneficiáronse neste ano das vantaxes fiscais do programa impostos cero no rural. Estes beneficios aplícanse ás herdanzas, ás vendas e ás doazóns (intervivos) cunha redución do 99%. Por outra banda, as cesións temporais de terreos integrantes do Banco de Terras terán unha dedución da cota tributaria do 100% no imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

A conselleira fixo estas valoracións este mediodía na inauguración do curso sobre a Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia (Metaga), que tivo lugar na Escola Galega de Administración Pública en Santiago. Esta norma, dixo Ángeles Vázquez, naceu coa intención de axilizar os procesos que permitan facilitar aos gandeiros e agricultores galegos unha base territorial adecuada. Un punto fundamental de apoio sobre o que impulsar a actividade agrogandeira e forestal das explotacións galegas.

Neste curso a conselleira, entre outras cuestións, salientou o salto cualitativo que supón elevar a rango de lei o procedemento de reestruturación da propiedade de predios con vocación agraria polos particulares e ofertando servizos de arbitraxe, de asesoramento e mesmo incluíndo un novo procedemento no cal se poderá acordar a reordenación da superficie agraria dunha área delimitada previamente.

Finalmente afirmou que o obxectivo fundamental desta lei é elevar o nivel de vida dos profesionais da agricultura. E engadiu que “só construíndo un rural atractivo poderemos conseguir que a nosa mocidade aprecie o seu potencial e así poder frear o despoboamento do rural”.

6 de xuño de 2016 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.