López-Chaves pide a Caballero que convoque xa o pleno de de Zona Franca para desbloquear o desenvolvemento da ETEA
O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, solicitou hoxe ao alcalde da cidade, Abel Caballero, que convoque dunha vez o pleno de Zona Franca para “desbloquear” o desenvolvemento da ETEA.
Coma explicou en rolda de prensa, hai máis de tres meses que o Consello da Xunta autorizou o convenio de colaboración que permitiría a Xunta, Zona Franca e Universidade de Vigo impulsar o desenvolvemento da ETEA, en concreto, do ámbito científico-tecnolóxico coa posta en marcha do Campus do Mar. “Dende hai tempo se está a traballar conxuntamente co obxectivo de poñelo en marcha”, declarou hoxe.
Sen embargo, dito convenio aínda non é efectivo por ser necesaria a convocatoria do pleno do Consorcio de Zona Franca, a cal debe firmar o rexedor vigués coma seu presidente. “Para que sexa unha realidade soamente falta un requisito”, dixo López-Chaves.
O protocolo conta tamén xa co consenso e aprobación da Universidade de Vigo e do comité executivo de Zona Franca. “Está bloqueado por decisión de Caballero”, insistiu o delegado, matizando que mentres sucede isto o resto de administracións implicadas “xa fixemos os nosos deberes”. “Todas temos interese en facelo”, sinalou especificando que o “tapón” para levar adiante este proxecto soamente radica na falla de xestión do rexedor vigués coma presidente do pleno do Consorcio. Considerou así que esta “negativa” provoca que “se retrase” o desenvolvemento dun proxecto “de primeira magnitude” para Vigo.
Hai que lembrar que unha vez se aprobe o convenio, a Xunta reverterá á Zona Franca dúas parcelas que se corresponden coa área científico-tecnolóxica. O seu destino será un espazo para a sede corporativa do Campus do Mar, acelerador de empresas (Emprendemar) e centro de innovación gastronómico ademais de albergar actividades relacionadas coas tecnoloxías avanzadas mariñas.
O obxectivo deste proxecto é acadar un espazo multidisciplinar no cal se unan os usos sociais (asistenciais, culturais, deportivos…) e os científicos, co fin de atraer a cidadanía cara a este campus ademais de permitir recuperar un espazo público e transformar esta área urbana ao tempo que se integra no barrio de Teis.











