José Canedo reivindica que Ciudadanos ten programa para Galicia e defende a súa candidatura tras o cambio de listas
O candidato de Ciudadanos pola provincia da Coruña, José Canedo, asegurou que o partido “ten” e “sempre tivo” un programa específico para Galicia. Así o expresou durante unha rolda de prensa este martes na que aclarou as novidades da organización para estas novas eleccións xerais.
José Canedo, que recoñeceu que chegou a dicir “dúas veces que non” a encabezar a lista, manifestou que asumiu “con respecto e responsabilidade” o encargo de encabeza a lista o pasado mes de maio tras a decisión do Comité Nacional de Ciudadanos de cambiar algúns candidatos para as eleccións do próximo 26 de xuño, como o número un por A Coruña e o de Pontevedra, que agora asumiu a concelleira da capital María Rey.
En rolda de prensa este martes, o candidato da formación laranxa subliñou que o programa electoral inclúe “todo o referente á singularidade de Galicia”, pero dixo que se irá debullando conforme avance a carreira cara ás urnas.
De tódolos xeitos, si citou a cuestión das infraestruturas de alta velocidade, sobre o que dixo que se Ciudadanos chegan ao Goberno se farán “esforzos” para que se culminen as obras, ao respecto do que acusou o PP de “atrasalas unha e outra vez”.
Neste sentido, afirmou que, en caso de saír elixido como representante, se encargará de “premer para que haxa acordos”, xa que a comunicación coa Meseta é “desastrosa” e iso “non “pode ser”.
VALORACIÓN DOS MILITANTES
Ao ser preguntado pola valoración dos demais militantes do partido ante a súa elección, Canedo sinalou que el “non ten que saír á rúa a conquistar os seus compañeiros”. Segundo declarou, estivo na chegada de Ciudadanos a Galicia en 2013 e, tras moito esforzo, viu como conseguiron chegar aos “16 concelleiros” na comunidade e “máis de mil afiliados”.
Por outro lado, o candidato coruñés, quen dixo que “ninguén é imprescindible”, apelou a que os cidadáns deben “votar ao partido, ao programa, non ás persoas”. “As portas están abertas para entrar e para saír.
Ao mellor, algún non atopou o que viña buscando, iso é cousa de cada un”, manifestou, en alusión velada ao que fóra primeiro da lista por A Coruña o pasado 20 de decembro, Antonio Rodríguez, quen contestou a decisión da dirección de Ciudadanos por non facer eleccións primarias para os cambios que se introduciron nas listas.











