Isabel Pintado amosa ‘A cara oculta dos versos’ na Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Anxo Lorenzo coa artista na visita á mostra

Anxo Lorenzo coa artista na visita á mostra

A exposición A cara oculta dos versos chega á Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés para ofrecerlle ao público un diálogo creativo entre literatura e arte. A partir de 21 obras de recoñecidos escritores da literatura galega, a artista Isabel Pintado réndelles homenaxe aos autores e ás autoras que foron protagonistas das súas lecturas nesta mostra promovida pola Secretaría Xeral de Cultura.

O responsable do departamento, Anxo Lorenzo, e Isabel Pintado visitaron esta mañá a exposición, que remata o vindeiro día 30 de xuño na González Garcés un percorrido por diversos centros da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Desde o pasado 21 de marzo, Día Internacional da Poesía, a mostra de Isabel Pintado puido verse na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, na Biblioteca Pública Central de Ferrol e na Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola.

A exposición configúrase a partir das intervencións artísticas que realiza Isabel Pintado sobre as capas e as páxinas de cada un dos libros que conforman a mostra, entre os que se inclúen as obras A esencia máis nosa, de Manuel María; A boca da terra, de Manuel Rivas; A distancia do tambor, de Eva Veiga; Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro; Os eidos, de Uxío Novoneyra; A ponte das poldras, de Chus Pato; Edénica, de Yolanda Castaño; e Territorio da desaparición, de Miguel Anxo Fernán Vello, entre outros.

Isabel Pintado

Autora de máis de 30 exposicións individuais dentro e fóra de Galicia, Isabel Pintado (Madrid, 1964) é licenciada en belas artes e reside en Galicia desde o ano 1991. Ten participado coas súas obras en campos como a escenografía, o vídeo, a música e danza e tamén e imparte obradoiros de pintura en seda, gravado calcográfico, técnicas aditivas e libros de artista.

A obra do debuxante Cao Luaces, en Pontevedra

A Rede de Bibliotecas de Galicia tamén acolle estes días outra importante exposición artística, que se presenta baixo o título de José María Cao Luaces, un galego patriarca da caricatura arxentina. A mostra, que se poderá visitar ata o próximo 10 de xullo na Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, recupera a obra dun destacado debuxante nacido en Cervo en 1862 e que está considerado o patriarca da caricatura arxentina.

Para difundir o legado do artista, escasamente coñecido en Galicia, esta mostra acompáñase dun ciclo de conferencias impartidas polo debuxante e xornalista Siro López, que falará na biblioteca pontevedresa sobre a obra de Cao Luaces o vindeiro 22 de xuño.

16 de xuño de 2016 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.