Fernando Suanzes sobre o caso Alvia: “Pode acusarse unha mesma persoa ou canalizarse cara a novos investigados”
O fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, indicou este luns que a reapertura da instrución do caso Alvia, iniciada tras o accidente de tren de Angrois, podería canalizar o procedemento cara a “novos investigados” ademais do maquinista, e non descarta cambios.
A preguntas dos xornalistas, con motivo da presentación da Escola de Verán do Ministerio Fiscal de 2016, Suanzes explicou que a reapertura responde á “plena normalidade” da Xustiza. “Non é infrecuente que a Audiencia estime que unha causa non debe estar pechada e que continúe cunhas dilixencias determinadas”, asegurou.
“Neste caso son periciais e o que van determinar é, unha vez que se practiquen, a valoración xurídica correspondente pola Fiscalía,” explicou, antes de apuntar que “pode derivar que sigamos acusando soamente a unha persoa, pero tamén que se amplíe o número de acusados”.
En calquera caso, insistiu que é un feito que se enmarca dentro da “plena normalidade procesual”. “Non está pechada a instrución e continuará con dilixencias neste caso periciais”, comentou. “Pode acusarse a un mesma persoa ou, desa pericial ou doutras, puidese canalizarse o procedemento cara a novos investigados”, concluíu.











