publicidade hoxe

Feijóo destaca o traballo da policía local e garante o compromiso a seguir apostando pola excelencia profesional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaLocal Portada
A-
A+
O presidente da Xunta na entrega de diplomas e distincións. Foto: C. Paz

O presidente da Xunta na entrega de diplomas e distincións. Foto: C. Paz

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou e agradeceu hoxe o traballo da policía local e garantiu o compromiso da Xunta de seguir apostando pola súa excelencia profesional.

Durante o acto de entrega de diplomas aos alumnos da IV promoción de oficiais e inspectores e da IV promoción de inspectores principais da policía local, así como de distincións ao persoal dos corpos de policía local, Feijóo afirmou que nesa aposta por poñer á disposición as ferramentas necesarias para ser, cada día, mellores profesionais, a formación ten un papel preponderante.

E, nesta liña, subliñou que a Academia Galega de Seguridade Pública é unha aliada excepcional. “Estamos a falar dun punto de encontro para varias xeracións de policías: os que levan toda a vida ao servizo dos cidadáns, pero tamén para todos os axentes en exercicio que buscan ferramentas para mellorar a súa formación”, dixo, facendo fincapé en que os corpos de seguridade precisan coñecementos técnicos e coñecementos normativos, pero tamén habilidades operativas.

Logo de destacar, no eido da formación, a oportunidade de especializarse a través de cursos como o de mediación penal, orientado á resolución de conflitos entre a veciñanza dunha mesma comunidade, Feijóo referiuse tamén á mellora das infraestruturas da Agasp, a través dun convenio entre a Xunta e o Concello da Estrada, co obxectivo de modernizar e optimizar as instalacións do centro.

Así mesmo, en materia de pedagoxía e prevención, subliñou o labor e a implicación da policía local para ensinar seguridade viaria nos centros educativos, para previr os accidentes de tráfico, e para que os máis pequenos coñezan o traballo deste corpo.

Feijóo concluíu lembrando que Galicia conta con dous corpos de seguridade estatais –a Garda Civil e a Policía Nacional-, cunha unidade do corpo nacional de policía adscrita á Comunidade Autónoma e cos efectivos da policía local. “En total, 11.000 efectivos policiais operan na Comunidade, nun territorio cunha poboación de preto de tres millóns de habitantes. É dicir, máis de 4 axentes por cada mil habitantes, un dato que nos sitúa na media española e por riba da media europea”, dixo.

15 de xuño de 2016 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.