Feijóo aposta pola estabilidade para progresar e para defender os intereses de Galicia ante o debate sobre o modelo territorial

Intervención do titular do Xunta. Foto: C. Paz
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, apostou hoxe pola estabilidade para seguir progresando, con máis forza se cabe, e para defender os intereses de Galicia ante o debate que xa está aberto, e que se intensificará nos próximos meses, sobre o modelo territorial.
Nesta liña e na Tribuna do Círculo de Empresarios de Galicia, Feijóo subliñou que a estabilidade permitiu preservar a nosa autonomía, seguir mellorando os servizos públicos, poder dispoñer dun superávit de responsabilidade e de impulso económico, e ter a previsión de crecer ao 2,8% -tres décimas máis do previsto- e de reducir a taxa de paro ata o 17,3% a final de ano (un punto menos do estimado inicialmente). E, avogou por seguir traballando para preservala, “porque non facelo –dixo- non só poría en serio risco a reactivación económica, senón tamén porque é fundamental para defender Galicia no debate sobre o proxecto territorial”.
Sobre este punto, o titular da Xunta expresou a preocupación de que o único obxectivo do debate territorial sexa acalar o problema secesionista de Cataluña, como se o encaixe do resto das comunidades fose secundario. “Non o é en ningún caso, pero menos aínda nas que, como Cataluña, somos nacionalidades históricas recoñecidas e consolidadas na Constitución”, sentenciou, incidindo na necesidade de manter intacta a estabilidade “para facerlle ver ao próximo Goberno de España, sexa cal sexa, que se o de Cataluña se quere resolver a costa de comunidades como Galicia, non estaremos de acordo”.
Ao longo da súa intervención, Feijóo garantiu o compromiso do Goberno galego para que, fronte aos vaivéns que comprometen seriamente a estabilidade nacional, Galicia siga avanzando, como fixo nos últimos meses: con novos pedidos para os estaleiros; con novos modelos para a automoción; con novos instrumentos para os que máis o necesitan a través da Axenda Social Única; con novas medidas para a conciliación -como os 100 euros de axuda por bebé, as casas niño no rural e axudas para familias que non logren praza nunha gardería-; “e con novas oportunidades de desenvolvemento tamén para esta comarca a través da aprobación da nova área metropolitana, novas autorizacións de parques eólicos e novas convocatorias para os contratos – programa cos centros tecnolóxicos ou para a creación de novas Unidades Mixtas de Innovación“.
Traballo conxunto
O responsable autonómico aproveitou a súa intervención para valorar o traballo e o esforzo dos emprendedores, así como a súa contribución ao nivel de riqueza, ao financiamento dos servizos públicos, ao benestar e ao emprego en Vigo, en Galicia e en España. E insistiu en que o Goberno galego fixo o seu traballo, “pero iso foi posible porque para facelo contamos coa maioría dos galegos”.
Así, subliñou que o traballo conxunto fixo posible que a taxa interanual de desemprego diminuíse de forma consecutiva durante os últimos 31 meses, ao tempo que a afiliación á Seguridade Social se incrementou durante os últimos 26; que 16.500 galegos atopasen emprego durante o último ano; que o Índice de Produción Industrial aumente a máis do dobre de velocidade que a media española, un 8,6% no que vai de ano; que a economía galega se abrise ao mundo no momento máis difícil, e hoxe Galicia sexa a terceira Comunidade cunha mellor balanza comercial, ao tempo que bate récords de exportacións, cun 5,4% máis que o ano anterior (que xa fora histórico); que o modelo económico xa se estea transformando e gañando competitividade, a través dunha clara aposta pola formación, o fomento do emprendemento, a Industria 4.0 e a innovación en sectores punteiros, como a biotecnoloxía, mantendo o sector naval e o sector da automoción.
Neste contexto, resaltou ademais que os galegos pagan menos impostos, e o 90% non paga nada por sucesións e doazóns e o 100 % nada pola transmisión de propiedades no rural; e Galicia, no que vai de ano, é a terceira autonomía con maior recadación fiscal. “Somos tamén a comunidade que máis investiu por habitante no 2015 -máis de 400 euros por habitante, fronte a unha media de 200 euros no resto de España-. E, no que respecta a Vigo, fomos capaces de construír e poñer en funcionamento o novo hospital público; o novo ambulatorio de Navia ou a ampliación do de Lavadores; a depuradora; máis garderías públicas (+50%); máis residencias (+20%); a Cidade do Mar; a rehabilitación do Casco Vello; a PLISAN; a adxudicación da segunda fase da Autovía do Morrazo; e facilitamos tamén unha nova Cidade da Xustiza e presentamos a nova Estación Intermodal”.
Por último, lembrou que cumprir sempre co déficit, permitiu que hoxe Galicia conte con fondos adicionais que outras CCAA teñen que destinar a pagar débedas. “Nós, en cambio, destinámolos aos mozos e aos nenos (50 millóns), á sanidade pública e ás necesidades das familias (60 millóns), ao emprego (case 30 millóns) e ao rural (25 millóns)”.











