Feijóo anima os emprendedores a seguir apostando pola formación, a competitividade, a innovación e a internacionalización

Intervención do presidente da Xunta
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, animou hoxe aos emprendedores a seguir apostando pola formación, a competitividade, a innovación e a internacionalización para consolidar a recuperación económica e seguir creando emprego.
Durante o xantar-coloquio organizado pola Asociación para el Progreso, Feijóo recoñeceu e agradeceu o esforzo dos emprendedores para lograr que Galicia empezase a falar de recuperación e avogou por seguir traballando xuntos para afrontar os novos retos.
Nesta liña, destacou a necesidade de seguir deseñando un itinerario de formación máis orientado ao mercado laboral, a través da creación de vínculos entre universidade e empresa, así como o fomento da FP, que xa é elixida por máis alumnos que o bacharelato, e da formación dual. Así como de que ese coñecemento se traduza en feitos, cun decidido apoio á innovación, como xa se ten feito a través da creación de unidades mixtas e de diferentes iniciativas para consolidar un novo modelo económico: a Industria 4.0.
Logo de recordar que o Goberno galego xa ten posto en marcha 27 medidas da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, poñendo á disposición no seu primeiro ano e medio de vida máis de 145 millóns de euros para as empresas galegas, o titular da Xunta apostou por poñer todos os medios para que eses avances axuden a crear riqueza e emprego –“como fixemos coa Lei do emprendemento, as aceleradoras de empresas e as múltiples facilidades para que os novos proxectos obteñan financiamento e acceso ao solo industrial”-; e a seguir internacionalizando.
Feijóo salientou que son os emprendedores os que, contratando máis, fixeron posible que o paro baixe en máis de 16.500 persoas no último ano e hoxe poidamos falar dun número de parados inferior ao que había en 2014, en 2013, en 2012, en 2011 ou en 2010 e que a afiliación aumente o último ano en 11.800. “Son os emprendedores os que xeraron a actividade necesaria para que hoxe o PIB de Galicia creza a un ritmo do 2,8% e para que o IPI aumente como media no que vai de ano un 8,6%. E son os emprendedores os que deron a resposta axeitada ao reto da internacionalización exportando en 2015 unha cifra histórica superior aos 18.800 millóns e, no inicio de 2016, superando eses rexistros, cun aumento do 5,4% respecto ao ano anterior”, dixo.
Un goberno dedicado a gobernar
No tocante ao papel das administracións, e no que respecta á Comunidade galega, o presidente da Xunta salientou que Galicia conta cun goberno dedicado a gobernar, á marxe da inestabilidade que se instalou no conxunto de España e en moitas autonomías.
“En Galicia seguimos traballando e o Goberno segue gobernando para que a recuperación chegue a todos, a todos os cidadáns” aseverou, incidindo en que, se ben é a obriga de todo goberno, “é unha obriga que puidemos exercer porque tivemos vontade, liberdade e capacidade para poder facelo”.
Nesta liña, e a modo de exemplo, lembrou que nestes últimos meses o Parlamento de Galicia aprobou uns orzamentos autonómicos para o 2016 que baixa impostos como o IRPF e elimina outros como o Imposto de sucesións ou os impostos no rural, ou mantén o esforzo para que a Comunidade poida seguir sendo a autonomía que máis inviste por habitante en toda España.
“E, nestes últimos meses decidimos tamén o destino dos fondos adicionais que logramos por cumprir o déficit sempre; coñecemos un novo encargo para o estaleiro de Navantia Ferrol por parte da Armada australiana; confirmouse un novo modelo para a fábrica de Citröen en Vigo; aprobouse o convenio para converter Rozas nun polo aeronáutico de avións non tripulados; impulsamos unha Estratexia de biotecnoloxía; démoslle un impulso á Área Metropolitana de Vigo; aprobamos unha Axenda Social única e adoptamos importantes medidas para mellorar a conciliación”, engadiu.
Fronte á inestabilidade, Feijóo afirmou que “en Galicia do que falamos é de que se está avanzando, e mesmo máis do que previramos inicialmente”, salientado ademais que á vista do comportamento laboral, das exportacións e da recadación fiscal, todo apunta a que a economía galega pechará este ano cun comportamento notablemente superior ao que o propio Goberno da Xunta tiña previsto.
“A previsión neste momento é que Galicia siga crecendo e que o faga a un 2,8%, é dicir, tres décimas máis do estimado inicialmente (2,5%), e unha décima por encima do que prevé o Goberno central para o conxunto de España. E a estimación de baixada do paro é un punto superior á prevista e todo apunta a que quedará no contorno do 17,3%”, explicou.
Non obstante, o responsable autonómico asegurou que ningún destes datos é suficiente e garantiu o compromiso do Goberno galego para seguir traballando, para fortalecer Galicia e para que a recuperación sexa completa.











