Farmacéuticos de toda España debaten en Pontevedra sobre as innovacións tecnolóxicas na preparación de medicamentos biopeligrosos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+

Pontevedra acolle, por terceiro ano consecutivo, as Xornadas de Farmacotecnia e Elaboración de Medicamentos, que organiza o servizo de Farmacia do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra en colaboración coa Fundación Biomédica Galicia Sur. O encontro científico será inaugurado hoxe polo Xerente de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, José Manuel González Álvarez, acompañado do xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa; do xefe de servizo de Farmacia do CHOP, Carlos Crespo, e dun directivo da Sociedade Española de Farmacia Hospitalaria, Javier García Pellicer.

Con esta terceira edición, as xornadas consolídanse como un foro de debate e consenso sobre a preparación persoalizada de medicamentos nos hospitais, a innovación tecnolóxica, a seguridade e o control de calidade. No encontro científico, que se desenvolverá entre hoxe e mañá, participarán preto de 90 especialistas dos servizos de farmacia dos hospitais máis significativos a nivel autonómico e nacional, así como membros da industria farmacéutica.

O obxectivo deste evento vai máis alá do tratamento da calidade das preparacións farmacéuticas que se realizan nos centros sanitarios. Trátase de presentar a interacción entre a xestión e a tecnoloxía neste ámbito, coa finalidade de acadar a optimización do proceso de prescrición, preparación e administración de medicamentos e garantir tamén a eficiencia na utilización dos recursos farmacoterapéuticos.

Así mesmo, as xornadas constitúen un foro de debate para a procura dun consenso sobre a farmacotecnia e elaboración de medicamentos que engada valor aos procesos da práctica habitual e, como consecuencia, aos usuarios e aos profesionais dos centros sanitarios e das compañías farmacéuticas. Por outra banda, presentar as experiencias polos diferentes servizos de farmacia de centros hospitalarios nacionais para levar a cabo as mellores prácticas para os pacientes e compartir os coñecementos de produción dos principios activos e de control de calidade noutros ámbitos da elaboración de medicamentos, como ben poder ser as compañías farmacéuticas ou laboratorios, son outros dos obxectivos deste congreso.

Programa técnico das xornadas

As claves das políticas de elaboración e control de calidade dos medicamentos serán as cuestións que se abordarán no primeiro módulo do encontro científico. Ademais, daranse a coñecer aspectos de innovación relacionados coas novas tendencias de administración de fármacos e a súa aplicación terapéutica.

A nova tecnoloxía centrará a xornada de inauguración, en cuxa programación destaca a exposición dunha liña de investigación que actualmente se está desenvolvendo na Universidade de Londres sobre o emprego das novas tecnoloxías para a impresión dos medicamentos en 3D.

A práctica farmacéutica nas unidades de Farmacotecnia e Elaboración de medicamentos non está exenta de riscos derivados da exposición dos profesionais a medicamentos biopeligrosos e que requiren dos coñecementos precisos para a súa minimización. A seguridade na elaboración destes fármacos será a temática que vertebre o segundo día das xornadas, que terán lugar no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.

Varios profesionais analizarán os aspectos de boas prácticas e control de calidade nas plantas de produción e nos laboratorios das compañías farmacéuticas, xa que a experiencia desta industria é unha das fontes principais de coñecemento para as unidades de elaboración de medicamentos nos centros sanitarios.

A preparación individualizada

A preparación de medicamentos nos servizos de farmacia hospitalaria, permite que numerosos pacientes poidan recibir un tratamento individualizado acorde coas súas necesidades e á súa situación clínica, o que resulta de vital importancia naqueles casos nos que non existen fármacos comercializados para a indicación terapéutica que se precisa ou en situacións excepcionais de desabastecemento. Esta actividade non só é exclusiva para os pacientes ingresados, senón que vai dirixida tamén a moitos outros doentes con tratamento en hospitais de día ou en réxime ambulatorio.

O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra é un dos centros de referencia a nivel autonómico e nacional na elaboración de medicamentos persoalizados, especialmente para pacientes pediátricos. Para a súa execución, o servizo de farmacia hospitalaria dispón de persoal cunha alta cualificación técnica (farmacéuticos, técnicos de farmacia e enfermeiros) e de espazos e áreas de elaboración especiais co obxectivo de garantir a calidade das preparacións e a seguridade do paciente.

Recentemente, este servizo foi galardoado co Premio Profesor Barea pola súa organización interna, a implantación de novas tecnoloxías e polos procesos de calidade no tocante á mellora da seguridade dos medicamentos orientada clinicamente á atención ao paciente.

16 de xuño de 2016 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.