publicidade hoxe

Educación finalizará o cambio de ventás no CPI Mosteiro de Meis para mellorar a eficiencia enerxética

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMeis
A-
A+
Cores Tourís na visita ao CPI de Mosteiro en Meis

Cores Tourís na visita ao CPI de Mosteiro en Meis

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o CPI de Mosteiro en Meis onde a Consellería de Educación ten previsto levar a cabo o remate do cambio de ventás que suporá un investimento de 50.000 euros.

O delegado estivo acompañado nesta visita polo alcalde da localidade, José Luis Pérez, así como polo xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares.

As obras suporán o cambio de tódalas fiestras antigas, o que permitirá concluír coa renovación das ventás do centro, garantindo así un mellor funcionamento do sistema de calefacción. A maiores, tamén se fará unha mellora de varios baños en colaboración co concello de Meis.

Este proxecto, segundo apuntou Cores Tourís, “englóbase dentro do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas 2016-2020 anunciado recentemente polo conselleiro de Cultura e Educación, como parte dos recursos obtidos a través do Fondo de Superávit de Responsabilidade co que o Goberno central recompensa á nosa comunidade autónoma por ter cumprido o obxectivo de déficit”.

As obras previstas para este colexio de Meis, como as que se levarán a cabo este verano noutros centros de Pontevedra, responden a unha priorización en función de 4 criterios técnicos, nomeadamente os de seguridade, utilidade, accesibilidade e habitabilidade; sendo todas elas obras determinadas a partir das avaliacións realizadas polas unidade técnicas da Consellería. “A nosa provincia verase beneficiada con un total de 14,1 millóns de euros, executándose obras de mellora e ampliación en 134 colexios e institutos”, engadiu o delegado territorial, quen matizou que “no caso de Pontevedra, as necesidades orixinan actuacións máis integrais e de maior envergadura que noutras zonas de Galicia, polo que esta provincia concentrará o 35,5% dos recursos económicos”.

O alcalde da localidade agradeceu a colaboración da Xunta para a execución destes traballos que permitirán dotar ao centro dunha maior eficiencia enerxética, evitando a fuga da calor no inverno.

A Consellería de Educación leva investidos nos diversos centros educativos de Meis máis de 150.000 euros nos últimos anos, levando a cabo cambios iniciais de ventás na primeira planta, reparacións de deficiencias de baixa tensión e a adaptación da instalación eléctrica na cociña do colexio.

14 de xuño de 2016 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.