Covadonga Toca destaca a importancia de adecuar as políticas de formación ao novo modelo produtivo baseado no coñecemento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Xornada ‘O futuro do traballo e o traballo do futuro’

Xornada ‘O futuro do traballo e o traballo do futuro’

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago na apertura da xornada ‘O futuro do traballo e o traballo do futuro’ organizada pola Asociación do Progreso da Dirección (APD), onde destacou a necesidade de adecuar as políticas de formación ao novo modelo produtivo baseado no coñecemento e avogou por incrementar a cooperación entre a Xunta, os axentes sociais e empresarias para crear máis empregos e de maior calidade.

Para acadar este obxectivo, Toca indicou que a Axenda 20 para o Emprego, a planificación da Xunta en materia laboral, aposta por mellorar as competencias dos traballadores galegos con novos sistemas de formación enfocados á Industria 4.0 incluíndo, para iso, diversas medidas para coñecer as necesidades reais das empresas, prestando especial atención ás de sectores estratéxicos e emerxentes. “É importante traballar coas empresas para que definan as competencias que necesitan para que podamos adecuar as nosas políticas de formación ao novo escenario que está evolucionando cara á Industria 4.0”, apuntou.

Entre as medidas que inclúe a Axenda 20 para o Emprego, a secretaria xeral resaltou o impulso dentro do Observatorio de Emprego de actuacións para identificar as demandas dos sectores estratéxicos e emerxentes e as Unidades de Formación an Empresa para a formación especializada con compromiso de contratación.

Para a creación de emprego estable e de calidade, Toca tamén sinalou que a Axenda 20 contén incentivos para a contratación atendendo ás demandas empresariais e á captación e retención do talento e programas para aumentar as oportunidades laborais dos desempregados galegos como son as Lanzadeiras.

Así mesmo, puxo en valor as axudas encamiñadas a promover o emprego estable nas empresas de base tecnolóxica coas que se presta especial atención ás innovadoras. Neste senso, lembrou que o Goberno galego está a impulsar con máis de 800.000 euros a creación de este tipo de compañías. Así mesmo, Toca salientou a aposta da Administración autonómica pola innovación, a competitividade e a internacionalización das empresas en Galicia.

Por último, a secretaria xeral de Emprego afirmou que outra das prioridades da Axenda 20 é o impulso de medidas para avanzar cara a un emprego inclusivo e en igualdade potenciando actuacións dirixidas á conciliación da vida familiar e laboral. “É necesario fomentar este tipo de iniciativas como ferramenta fundamental dun novo modelo produtivo que garanta a igualdade de oportunidades e que loite contra o envellecemento demográfico”, subliñou.

Ao respecto, apuntou que a Xunta promoverá a través da Comisión para a Igualdade de Mulleres e Homes na negociación colectiva un acordo marco interprofesional de ámbito autonómico que inclúa medidas de Responsabilidade Social Empresarial, igualdade e conciliación.

En definitiva, a secretaria xeral de Emprego sinalou o traballo da Xunta “para mellorar a calidade de vida e o benestar dos galegos e galegas co fin de acadar unha igualdade efectiva de oportunidades para todos”. 

28 de xuño de 2016 | 11:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.