publicidade hoxe

Cores Tourís destaca que Vilanova de Arousa contará cun obradoiro de emprego de agricultura ecolóxica e turismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilanova de Arousa
A-
A+
Cores Tourís no anuncio do obradoiro en Vilanova de Arousa

Cores Tourís no anuncio do obradoiro en Vilanova de Arousa

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a sede dos obradoiros de Vilanova de Arousa para anunciar que este concello contará cun obradoiro de emprego, “Vista Real II”.

O delegado estivo acompañado polo alcalde da localidade, Gonzalo Durán, así como polo xefe territorial de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial e o tenente alcalde de Vilanova, Javier Tourís.

O obradoiro, que é continuación da iniciativa desenvolvida en 2015 (“Vista Real I”), terá unha duración de seis meses e no mesmo a Xunta investirá case 180.000 euros, “que xunto a aportación económica do concello para material e equipamento superarán os 200.000 euros”, segundo explicou Cores Tourís. O obxectivo destes cursos é preparar a 20 alumnos aos que haberá que sumar o persoal contratado para dar formación en agricultura ecolóxica e en promoción turística local e información ao visitante: un director, un titor, dous docentes e un administrativo.

O delegado territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra mostrou a súa satisfacción por poder inaugurar esta iniciativa que ten “un obxectivo claro, dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reinsertarse laboralmente. Estamos a falar de case 200 persoas en todo O Salnés, entre alumnos e persoal, grazas aos 7 obradoiros que se iniciarán en setembro nesta comarca”.

De feito, as persoas desempregadas participantes como alumnado traballador percibirán o Salario Mínimo Interprofesional durante os meses que durarán estes proxectos. En agricultura ecolóxica formaranse 10 alumnos e en promoción turística local e información ao visitante outros 10.

O alumnado traballará durante os próximos seis meses tanto recuperando e acondicionando os espazos destinados para o desenvolvemento da agricultura de base ecolóxica e hortalizas ecolóxicas na parcela do Pazo de Vista Real, como na programación e control das actividades dun centro de información turística de ámbito local, de cara a adecuar estas iniciativas as características de Vilanova de Arousa e as demandas dos visitantes, continuando coa labor que neste mesmo senso xa se iniciou o ano pasado no obradoiro “Vista Real I”.

Neste senso, o delegado territorial recordou que o edificio Pazo Vista Real foi reformado, grazas a un investimento de 126.000 euros, tras participar o concello na convocatoria de axudas do programa Leader que está a ser xestionado a través do GDR Salnés.

José Manuel Cores Tourís aproveitou a visita ao obradoiro de Vilanova para destacar o “manifesto claro de colaboración institucional da Xunta coas entidades locais para intentar que o obradoiros de emprego teñan continuidade na creación de postos de traballo no futuro”, en especial en sectores con tanta puxanza como son o da agricultura ecolóxica “que conta nesta comarca con dúas grandes cooperativas como son Horsal e Hortumia”, así como o do turismo, “nun municipio como Vilanova, situado no Salnés, unha das comarcas galegas con maior número de visitantes e de prazas hoteleiras, que superan as 13.000”.

Pola súa banda, o alcalde, Gonzalo Durán, agradeceu a visita do delegado territorial a estas instalacións e destacou a importancia de que a Xunta “depositara a súa confianza no noso concello para por en marcha este proxecto que permite formar a desempregados do municipio durante 6 meses e finalmente, formalos para poder optar a un posto de emprego no futuro”.

O tenente alcalde do municipio, Javier Tourís, insistiu en que a inserción laboral dos traballadores deste obradoiro foi tan boa o ano pasado que “volvemos a pedir esta iniciativa. De feito, no eido da agricultura ecolóxica, varios dos alumnos están xa a traballar en dúas empresas de Pontevedra e Vilanova, e hai unha terceira interesada neste persoal especializado”.

En total, a provincia de Pontevedra contará con 29 obradoiros, 7 dos cales desenvolveranse no Salnés. “Cinco destas iniciativas corresponderán a obradoiros para menores de 25 anos que xa, o ano pasado, tiveron unha moi boa acollida”, engadiu Cores Tourís.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina este ano máis de 18 millóns de euros aos obradoiros de emprego, 5 deles na provincia de Pontevedra, incluíndo esta cantidade unha liña de apoio específica aos menores de 30 anos para mellorar a súa inserción laboral. Destes programas mixtos de formación e emprego, cos que se poden acceder aos certificados de profesionalidade, poderán beneficiarse preto de 2.000 desempregados.

30 de xuño de 2016 | 16:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.