‘Comercio con talento’ distinguen o negocio compostelán A cesta da saúde

Sol Vázquez entrega o galardón ao representante de A cesta da saúde
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, entregou esta mañá ao establecemento compostelán A cesta da saúde un dos premios do certame Comercio con talento, unha iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria coa que se busca impulsar a innovación e o emprendemento no comercio galego ao tempo que se favorece o coñecemento e o contacto do alumnado de formación profesional co sector e a súa realidade, complementando así a súa formación.
Na segunda edición desta iniciativa participaron alumnos e alumnas dos 26 centros galegos que imparten os ciclos de grao medio de Actividades comerciais e de grao superior de Xestión de vendas e espazos comerciais.
Os estudantes participantes elaboraron un proxecto sobre un comercio que, ao seu xuízo, destaca pola súa innovación e calidade. Un xurado especializado escolleu aos 9 comercios con máis talento de entre os propostos e fixo unha preselección de 4 proxectos que se publicaron no Facebook do Portal do Comerciante para que un dos 10 premios fose decidido polo número de gústame recibidos. Os alumnos autores dos 10 proxectos gañadores reciben como premio un iPad mini. En Santiago, ademais de A cesta da saúde, resultou galardoado o establecemento Como pez en el agua, que recibirá proximamente o recoñecemento.
A cesta da saúde (Ramón Cabanillas, 10) proposto por Paula Martínez, alumna do grao superior de Xestión de vendas e espazos comerciais do IES de Pontepedriña, é un negocio situado na zona do Ensanche compostelán dedicado á venda de produtos ecolóxicos que aposta pola proximidade e por poñer en valor o comercio tradicional galego. A alumna destacou no seu traballo a implicación no barrio e a preocupación pola calidade do produto que venden.
O respaldo ao sector comercial é un dos principais eixos de actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que ten en marcha o Plan de impulso ao comercio de Galicia. Neste contexto, no que vai de ano puxéronse en marcha programas de axudas por máis de 7 millóns de euros para dinamizar centros comerciais abertos e prazas de abastos, impulsar o smart commerce, ou respaldar o asociacionismo comercial.











