‘Comercio con talento’ distingue as tendas coruñesas Lily & White e Vintage & Coffee

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Sol Vázquez na entrega dos premios "Comercio con Talento". Foto: M. Fuentes

Sol Vázquez na entrega dos premios “Comercio con Talento”. Foto: M. Fuentes

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, entregou esta mañá na Coruña aos establecementos Lily & White e Vintage & Coffee dous dos premios do certame Comercio con talento, unha iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria coa que se busca impulsar a innovación e o emprendemento no comercio galego ao tempo que se favorece o coñecemento e o contacto do alumnado de formación profesional co sector e a súa realidade, complementando así a súa formación.

Na segunda edición desta iniciativa participaron alumnos e alumnas dos 26 centros galegos que imparten os ciclos de grao medio de Actividades comerciais e de grao superior de Xestión de vendas e espazos comerciais. Os estudantes participantes elaboraron un proxecto sobre un comercio que, ao seu xuízo, destaca pola súa innovación e calidade. Un xurado especializado escolleu aos 9 comercios con máis talento de entre os propostos e fixo unha preselección de 4 proxectos que se publicaron no Facebook do Portal do Comerciante para que un dos 10 premios fose decidido polo número de gústame recibidos.

Os alumnos autores dos proxectos gañadores reciben como premio un iPad mini. Na Coruña resultaron galardoados os establecementos Lily & White, e Vintage & Coffee, propostos respectivamente por Belén Souto e María Pérez, ambas estudantes do grao medio de Actividades Comerciais do IES Ramón Menéndez Pidal.

Lily & White (Orzán, 162) é un comercio de alta cosmética orgánica que importa marcas non comercializadas ata o momento en España e que conta cun novidoso sistema de diagnóstico facial que facilita que cada cliente poida dar co produto máis axeitado ás súas necesidades. Ademais, o negocio está comprometido coa dinamización e a mellora do barrio no que se atopa.

Vintage & Coffee (San Agustín, 32) non só achega a posibilidade de adquirir todo tipo de prendas vintage e de segunda man, senón que tamén ofrece alternativas culturais e de ocio, como talleres ou concertos, conxugando as vantaxes que lles ofrece a situación do local.

O respaldo ao sector comercial é un dos principais eixos de actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que ten en marcha o Plan de Impulso ao Comercio de Galicia. Neste contexto, no que vai de ano puxéronse en marcha programas de axudas por máis de 7 millóns de euros para dinamizar centros comerciais abertos e prazas de abastos, impulsar o smart commerce, ou respaldar o asociacionismo comercial, entre outros aspectos.

21 de xuño de 2016 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.