Cecilia Vázquez recibe os 15 xóvenes que viaxarán a Xapón no marco dun intercambio cultural coa prefectura de Wakayama

Cecilia Vázquez na reunión cos xóvenes participantes no programa. Foto: C. Paz
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, recibiu hoxe os 15 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos que participarán no intercambio de ida á Prefectura de Wakayama (Xapón) do 4 ao 11 de xullo. A titular do departamento autonómico resaltou que durante a semana de duración do intercambio, “os participantes galegos serán os embaixadores da cultura galega no Xapón, ao tempo que coñecerán a cultura e lingua xaponesa, as súas costumes, interactuarán con mozos e mozas xaponeses en distintas actividades e durante tres días convivirán con familias xaponesas de acollida”.
O programa que desenvolverán estes 15 mozos e mozas combina actividades educativas e culturais como a recepción polas autoridades da Prefectura de Wakayama; unha reunión de traballo na Universidade, na que os mozos e mozas, galegos/as e xaponeses/as, traballarán conxuntamente para coñecer e dar a coñecer as súas rexións; a visita á cidade de Tanabe; ou o percorrido dunha parte do Camiño Kumano Kodo no que visitarán o Centro do Patrimonio Kumano Hungu e o santuario sintoísta Kumano Hongo Taisya.
Cecilia Vázquez fixo especial fincapé na realización deste percorrido, pois “a cultura galega e a xaponesa, se ben son moi distintas, están unidas polo vínculo dos seus dous itinerarios de peregrinación: o Camiño de Santiago en Galicia e o Camiño Kumano Kodo en Wakayama, dúas rutas recoñecidas pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade, puntos de referencia no que converxe a pluralidade de concepción de distintos pobos, culturas, linguas e relixións”.
Vázquez resaltou que os intercambios xuvenís “permiten aos mozos e mozas participantes desenvolver habilidades, competencias e coñecementos, descubrir novas culturas, costumes e estilos de vida, sobre todo a través da aprendizaxe entre iguais, consolidar valores como a solidariedade, a democracia e a amizade; facilita a concienciación intercultural e a mellora das competencias lingüísticas”. Un proceso de aprendizaxe que se realiza a través de métodos de educación non formal.
A Prefectura de Wakayama e a Xunta de Galicia comparten vínculos desde a sinatura do seu irmandamento en 1998. A partir deste ano se están a realizar distintos programas conxuntos, sobre todo centrados no turismo e na cultura. No que respecta á xuventude, en 2009 estableceuse un protocolo de traballo entre as dúas administracións rexionais para favorecer os lazos de unión entre as entidades xuvenís de Wakayama e Galicia. Así con este grupo de mozos e mozas galegas esta será a duodécima experiencia de intercambio xuvenil entre a Xunta de Galicia e a Prefectura de Wakayama, sumando un total de 175 participantes.











