As vítimas do Alvia ven unha grata noticia que Bruxelas acepte analizar a seguridade ferroviaria en España
Vítimas do accidente do Alvia que tivo lugar na compostelana parroquia de Angrois en xullo de 2013 aplaudiron este mércores a decisión do Parlamento Europeo de investigar as dúas denuncias presentadas contra o Estado español por parte dos afectados por incumprimento das normas de seguridade e publicidade enganosa.
En declaracións aos medios antes de reunirse co alcalde de Santiago, Martiño Noriega, unha das voceiros deste colectivo saudou esta “grata noticia”. Máxime como recalcou, cando as vítimas deste sinistro “sempre” están a levar “labazadas” por parte das distintas institucións.
“Que acepten a trámite que España incorreu en publicidade enganosa e que España non leva todas as normas de seguridade que estima a Unión Europea é unha gran noticia”, resaltou, dende o convencemento de que investigar ambas as dúas cuestións é positivo para “tódolos españois” no camiño de asegurar un sistema de transporte ferroviario “de calidade”. “Para que o que nos pasou a nós non volva suceder nunca máis”, sentenciou Esperanza.
Á marxe diso, explicou que a súa presenza no Pazo de Raxoi obedece ao seu desexo de “agradecer persoalmente” ao rexedor compostelano “todo o apoio” que brindou ás vítimas “dende o primeiro momento”. “O Concello de Santiago foi o primeiro en aceptar a moción que insta ao Goberno de España a abrir unha comisión de investigación sobre o accidente”, recordou.
“UNHA FERIDA ABERTA”
Pola súa banda, Noriega reiterou o “apoio” de toda a corporación ás as vítimas do Alvia e defendeu que “a maiores das responsabilidades individuais” do accidente “hai unhas responsabilidades colectivas”. “E non foron depuradas nun pacto de silencio indigno”, reprochou.
“Esta cidade ten unha ferida aberta con ese accidente e é absolutamente solidaria coas reivindicacións da plataforma de vítimas, porque a ferida non se pechará ata que as responsabilidades colectivas estean depuradas”, finalizou o primeiro edil da capital galega.











