As patoloxías dixestivas son o segundo motivo de consulta en urxencias

Inauguración da Semana das Enfermidades Dixestivas. Foto: X. Crespo
O Complexo Hospitalario Universitario de Santiago acolleu, hoxe pola mañá, o acto de inauguración da Semana das Enfermidades Dixestivas. Neste evento, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, Jesús Vázquez Almuiña, destacou que, a nivel asistencial, a patoloxía dixestiva é un problema de primeira magnitude, xa que significa o segundo motivo de consulta en urxencias e representa ao redor do 20% das consultas en atención primaria. Tamén representa o segundo grupo en gasto sanitario (20%) e xera o 30% do consumo en fármacos.
No acto tamén participaron o xerente de Xestión Integrada, Luis Verde Remeseiro; e o presidente da Sociedade Española de Patoloxía Dixestiva, Fernando Carballo Álvarez. Ademais, estiveron presentes o presidente da Fundación Española de Aparello Dixestivo, Miguel Ángel Muñoz Navas, e o xefe de Servizo de Aparello Dixestivo do CHUS, Enrique Domínguez-Muñoz.
Patoloxías máis prevalentes
Un aspecto destacable desta especialidade é que camiña cada vez a unha maior cirurxización ligada á endoscopia. Ao respecto, o conselleiro agradeceu o encomiable interese na aprendizaxe das técnicas básicas endoscópicas por parte dos dixestólogos.
Outro apartado reseñable citado na inauguración é o referido aos grandes cambios que están a ter lugar, nos últimos anos, nas patoloxías máis prevalentes, con consecuencias á súa vez importantes na xestión do día a día, en particular a hepatite crónica por virus C, ou a cirrose hepática.
Tamén remarcou Almuiña que a erradicación do helicobacter pylori diminuiu de forma ostensible as consultas e os ingresos por enfermidade ulcerosa. Pola contra, a enfermidade por refluxo gastroesofáxico aumentou a súa incidencia, supoñendo actualmente un elevado motivo de consulta. Así mesmo, a enfermidade inflamatoria crónica intestinal é unha das patoloxías crónicas con maior crecemento no mundo occidental. De aí a importancia, pola complexidade no seu manexo, de contar cunha boa coordinación cos cirurxiáns e da elaboración de protocolos de actuación conxuntos médicos, cirúrxicos e de nutrición. A outra patoloxía que require unha coordinación médico-cirúrxica é a patoloxía bilio-pancreática.
Na súa intervención tamén sinalou que se continuará a estender o Programa de prevención do cancro de colon, iniciado de xeito piloto en Ferrol, que estará operativo en toda Galicia en 2017.
Para rematar, o conselleiro agradeceu aos profesionais desta especialidade a súa estreita colaboración con outras disciplinas. “Dita colaboración é o elemento básico para conseguir que o paciente sexa o verdadeiro centro do sistema sanitario”, concluíu.











