Arias informa aos representantes da audiencia provincial do plan de eficiencia enerxética
A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, realizou esta mañá unha visita á Audiencia Provincial de Lugo para coñecer de primeira man o estado das súas instalacións, nas que proximamente se levarán a cabo diversas actuacións de mellora enmarcadas no Plan de eficiencia enerxética e obras menores 2016-2018 que promove a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
Arias percorreu as dependencias da Audiencia na compañía, entre outros, do seu presidente, José Antonio Varela, do fiscal xefe, Roberto Bresmes, e do secretario coordinador, Alberto García, aos que informou das actuacións previstas.
Segundo informou a delegada, “o Plan de eficiencia enerxética e obras menores ten previstas actuacións na sede da Audiencia Provincial e nos xulgados de Lugo, co fin de renovar as súas infraestruturas, reducir o consumo enerxético nos edificios e corrixir pequenas deficiencias”.
“Con estas obras –dixo Arias- beneficiaranse tanto os traballadores das institucións xudiciais, que gañarán en confort e facilidades para desempeñar as súas funcións, como a cidadanía en xeral, dado que as melloras a realizar contribuirán a incrementar a calidade do servizo prestado aos usuarios”.
Na Audiencia Provincial, a Consellería de Presidencia realizará traballos de substitución de vidros e carpinterías, pintado da valla exterior, construción dun novo despacho para o secretario coordinador e outras melloras das instalacións.
Polo que respecta aos xulgados da capital lucense, a delegada sinalou que “os traballos consistirán na reparación da pintura nas zonas comúns e na instalación dun dispensador de números de quenda e de persianas venecianas”.
Ademais destas actuacións nas dependencias xudiciais da capital lucense, o plan inclúe tamén intervencións nos xulgados de Chantada, Sarria, Vilalba, A Fonsagrada, Monforte e Becerreá.











