Alfonso Rueda dubida que a decisión de recorrer a prórroga de Ence reflicta a vontade de todos os pontevedreses
O vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, puxo en dúbida que a decisión do goberno municipal de Pontevedra de recorrer ante os tribunais a prórroga que o Goberno en funcións do PP deu á concesión de Ence reflicta “a vontade” de todos os pontevedreses.
A preguntas dos xornalistas, manifestou que o Concello está “no seu dereito”, pero remarcou que na mobilización convocada esta fin de semana houbo “bastante menos xente que noutras ocasións”. Por iso, instou ao goberno local a valorar se a súa decisión “representa a vontade” dos seus cidadáns.
Así, recalcou que a prórroga supón tamén que a empresa debe implicarse “dun xeito moi intenso para cumprir a normativa ambiental e crear riqueza na provincia”.
Por outra banda, sobre a decisión adoptada pola xunta de goberno pontevedresa, precisou que non contou co apoio dos concelleiros do PP.











