A Xunta trasládalle ao Concello de Vigo a súa disposición a manter a reunión sobre a mellora do servizo municipal de autobús ao aeroporto de Peinador o vindeiro luns
A Xunta de Galicia trasladoulle hoxe ao Concello de Vigo a súa disposición a manter xa o vindeiro luns a reunión solicitada pola Xunta para concretar o apoio autonómico á mellora do servizo municipal de autobús ao aeroporto de Peinador. A directora xeral de Mobilidade convidou á concelleira de Transportes da cidade a manter a devandita reunión o día 6 de xuño ás 12 horas na Delegación Territorial da Xunta na cidade.
Hai que lembrar que o Goberno galego lle remitiu onte unha misiva ao Concello na que reiteraba a súa vontade de artellar un reforzo do servizo que permita a atención aos viaxeiros da totalidade de voos ou a intermodalidade coa conexión cos principais nós de transporte.
A Xunta, a través desta convocatoria, propuxo a celebración dunha reunión de traballo para a semana do 20 de xuño co obxectivo de proporcionarlle o tempo necesario ao Concello para que recabara a información solicitada.
Neste documento indicábase que os técnicos da Dirección Xeral de Mobilidade consideran que para analizar de xeito rigoroso o servizo proposto coa fin de acadar unha mellora nos desprazamentos dos cidadáns, cómpre unha maior concreción de diferentes aspectos. Neste sentido, solicitouse información complementaria empregada para a elaboración da proposta, como por exemplo, estudos de demanda de tráficos ou a análise comparativa respecto da liña Express preexistente.
A Xunta tamén concretou que se deberían analizar certos aspectos da proposta do Concello como por exemplo, o plantexamento de se un autobús circular con frecuencias dunha hora sería axeitado cando xa está funcionando na actualidade a liña L9A con intervalos de media hora.
Sen embargo, ante a urxencia manifestada polo Concello de Vigo para a celebración da reunión, a Xunta trasladou a súa plena disposición a adiantar esa xuntanza ao luns, entendendo que os representantes municipais asistirán á xuntanza coa información necesaria.











