A Xunta traslada ao Concello de Vigo a súa disposición a asinar o convenio para a incorporación do autobús urbano ao Plan de transporte metropolitano
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, trasladoulle hoxe ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, a disposición da Xunta a firmar o convenio para a incorporación do autobús urbano ao Plan de Transporte Metropolitano e ofreceulle tras posibles datas para facelo. A través dunha carta remitida hoxe, a responsable de Infraestruturas propón materializar a sinatura ou ben o 1 de xullo ás 12.00 horas; 4 de xullo ás 11.00 horas; ou o 11 de xullo ás 11.00 horas.
Nese escrito, a conselleira reitera o máximo interese do Goberno galego por materializar o antes posible a incorporación do Concello de Vigo nun Plan que funciona desde hai máis dun ano con éxito en 12 concellos da área.
Segundo expresa, “a Xunta de Galicia mantén unha aposta decidida polo Plan de Transporte Metropolitano, incluído o da área de Vigo, que se puxo en marcha no mes de abril de 2015. Trátase dun Plan social que, ademais de ser unha importante axuda económica para as familias, posto que na actualidade pode supoñer aforros de ata 600 euros ao ano, é unha fórmula para o fomento do transporte urbano”.
Ademais, sinala que para ofrecer un mellor servizo aos cidadáns, a incorporación do transporte urbano de Vigo constitúe un elemento de suma importancia, xa que suporá aforros aos veciños que usan frecuentemente o transporte por autobús de ata 1.000 euros ao ano.
Por todo isto, destaca a satisfacción do Goberno galego porque se leva xa un ano esperando a que Vigo teña reconsiderado a súa negativa e acordara a súa incorporación a este Plan, co que os vigueses terán agora unha excepcional oportunidade de mellorar a súa mobilidade metropolitana.
A conselleira lembra que o pasado día 23 de xullo, o Consello da Xunta aprobou o convenio para esta incorporación, unha vez concluído, no menor tempo posible, o complexo proceso de tramitación, e comunica que se está en disposición de asinar este acordo, a partir deste mesmo xoves, cando a Comisión de Seguimento ratifique o convenio.











