A Xunta require ao concello vigués a remisión da certificación municipal para adherirse ao Plan de Transporte Metropolitano
O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, informou hoxe en rolda de prensa que a Dirección Xeral de Mobilidade vén de requirir ao Concello de Vigo a certificación municipal da aprobación, en xunta de goberno local, do convenio de adhesión ao Plan de Transporte Metropolitano.
Coma explicou o delegado, unha semana despois de que a Administración local aprobase en xunta de goberno o documento, na Xunta de Galicia non hai constancia do mesmo, polo que hoxe se lle volveu a requirir que remitan “a maior brevidade posible” dita documentación para poder continuar coa tramitación administrativa e poder formalizar o convenio “canto antes”. “Queremos tramitar con axilidade o convenio pero aínda non recibimos o certificado do acordo municipal”, especificou López-Chaves, considerando ademais que esta xestión pode ser “inmediata”.
O interese da Xunta de Galicia é por en marcha canto antes o transporte metropolitano coa incorporación de Vigo porque, coma significou o delegado, a súa adhesión vai supoñer “importantes aforros de custes” para os vigueses e viguesas. De feito, e segundo os cálculos realizados, un vigués que traballe noutro municipio da área e queira utilizar o transporte de xeito diario para trasladarse ao seu posto de traballo chegará a ter uns aforros anuais de ata 420 euros. “Para un vigués que saia de Vigo e se desprace diariamente a traballar a outra localidade usando o transporte urbano e despois o interurbano vai supoñer un importante aforro”, exemplificou o delegado.
É por isto polo que insistiu en que a incorporación de Vigo sexa “o máis rápido posible” lamentando ademais que os vigueses e viguesas xa se perderon este aforro no primeiro ano de posta en marcha do Plan. “O convenio ao que se vai a adherir é o mesmo”, dixo, e continuou explicando que “se Vigo se incorporase hai un ano, os vigueses xa terían visto eses importantes aforros”. De feito, matizou que nos últimos meses houbo un “importante incremento” de vigueses que solicitaron xa a súa tarxeta metropolitana.
Por último, lembrou que a Xunta de Galicia será a encargada de subvencionar o pago dos 0,86 euros do transbordo no transporte urbano insistindo na importancia de que se remita a certificación municipal no prazo máis breve posible porque “unha vez que Vigo se incorpore, os vigueses non van a ter que pagar o custe do transporte urbano cando despois utilicen o interurbano”, concluíu.











