A Xunta remite a proposta do Plan de accesibilidade das liñas interurbanas ao centro urbano da Coruña aos concellos da área metropolitana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Coruña
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda remitiu hoxe a proposta de Plan de accesibilidade das liñas interurbanas ao centro urbano da Coruña aos concellos da área metropolitana para que emitan as achegas que consideren necesarias.

O Goberno galego tamén enviou este documento ás empresas e asociacións de transporte afectadas e aos representantes de consumidores e usuarios que forman parte do Consello Galego de Transporte coa fin de acadar un proxecto consensuado.

Este plan suporá importantes melloras de mobilidade no transporte público para os seus veciños e ademais acredita unha mínima afección ao tráfico no centro urbano. Neste sentido, a Xunta, considerando o interese social do proxecto, en agosto de 2015 licitou esta reordenación de liñas e como resultado dese contrato, disponse do documento remitido.

Información pública

Cómpre lembrar que na última reunión da Comisión de Seguimento do Plan de Transporte Metropolitano, celebrada en abril, a Dirección Xeral de Mobilidade informou sobre os traballos que se están a realizar e convidouse aos concellos da área á remisión das súas achegas, tal e como se fixera con anterioridade cos operadores de autobús interurbano.

A Xunta someterá ao procedemento de información pública este plan para que os concellos, empresas de transporte, usuarios, consumidores e a cidadanía en xeral, poidan consultalo e realizar as alegacións que consideren oportunas coa fin de enriquecer o citado documento.

Obxectivos do Plan

A Xunta de Galicia mellorará os percorridos e as paradas no centro da Coruña dos autobuses interurbanos, que rexistran 4,8 millóns de viaxes ao ano, beneficiando a área metropolitana e a propia cidade e dinamizando o comercio local.

A elaboración do Plan ten como principais obxectivos: permitir o acceso dos autobuses ao centro urbano, habilitando paradas no interior da cidade, o que implicara un menor número de transbordos; mellorar a conectividade do transporte interurbano co transporte urbano a través de intercambiadores; aumentar a comodidade do viaxeiro, o que repercute en facer máis atractiva a cidade para os residentes nos núcleos veciños; e potenciar o uso do transporte público, o que leva consigo unha diminución da contaminación e da conxestión da cidade.

O Plan propón incrementar o número de expedicións que van cara ao centro urbano; ampliar o horario de acceso das liñas; e a creación de novas paradas e percorridos que melloren a integración co transporte urbano de todas as liñas que acceden actualmente á cidade. E para iso seleccionáronse as liñas que accederán as paradas urbanas en función da súa ocupación e da súa proximidade coa cidade, propoñendo unha implantación en dúas fases.

A implantación da primeira fase permitirá que 33 liñas e o 84% dos viaxeiros ao ano poidan acceder directamente ao centro urbano. Así, un total de 27 liñas terán acceso directo a Entrexardíns; 6 liñas, con 186.000 viaxeiros anuais, poderán parar na Praza de Pontevedra; e 21 destas 33 liñas terán tamén paradas intermedias.

A segunda fase posibilitará incrementar a conectividade do transporte interurbano realizando ampliacións dalgunhas paradas existentes e potenciando Catro Camiños como intercambiador. Deste xeito, as 33 liñas que acceden directamente ao centro urbano farano parando previamente no intercambiador de Catro Camiños (tanto as que teñen chegada a Entrexardíns, como as que teñen chegada en Praza de Pontevedra).

23 de xuño de 2016 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.